Lugo, seleccionada para explicar a estratexia de deseño de cidade sostible no Cumio do Cambio Climático

O Concello de Lugo vén de ser seleccionado para participar como ponente no Cumio do Cambio Climático (COP25) que terá lugar en Madrid a vindeira semana, entre o 2 e o 13 de decembro, para explicar o proxecto LIFE Lugo +Biodinámico co que está a desenvolver iniciativas pioneiras no deseño das cidades sostibles do futuro potenciando a madeira como elemento estrutural de construción.

A alcaldesa Lara Méndez exporá o día 3 a estratexia que está a desenvolver no municipio, da man das investigacións do Campus Terra e da Universidade Politécnica de Madrid, cara un desenvolvemento urbano que axude a mitigar os efectos do cambio climático.

O proxecto de Lugo, impulsado con fondos europeos e apoio da Deputación, darase a coñecer no COP25, o órgano supremo da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, nun cumio que será transcendente nun momento de emerxencia climática e que constitúe a última reunión para activar o Acordo de París, concibido como o primeiro pacto mundial vinculante en defensa do clima do planeta.

Segundo a rexedora, a presenza de Lugo, que xunto a Pontevedra é o único municipio galego escollido para ter presenza no COP25, “supón un fito para a cidade e unha  gran oportunidade para poder aportar o traballo que estamos a facer desde o concello na concepción de municipios resilentes á vez que potenciamos un modelo produtivo vinculado co sector forestal, e máxime cando estamos nun momento de emerxencia climática”.

Lara Méndez incidiu que os proxectos que se están a executar en Lugo nacen non só para mellorar desde o punto medioambiental e de dinamización económica o municipio ao abrir oportunidades ás empresas vinculadas coa economía verde e circular, tamén para ser un referente na loita contra o cambio climático en cidades de tamaño medio de toda Europa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com