Lugo Sen Mordazas colabora con artistas lucenses para visibilizar ás persoas sen fogar

Un mural dunha persoa durmindo na entrada dos Sindicatos, outro na Praza de Santo Domingo (borrado tan só minutos despois), preto dunha persoa desafiuzada pola banca, e múltiples monicreques coma mulleres e homes que dormen e viven nas rúas en diferentes puntos do casco histórico; así coma cartóns nas principais portas da muralla, foron accións que se desenvolveron na madrugada, mañá e tarde do pasado martes. Accións a cargo de Lugo Sen Mordazas e varios artistas lucenses que quixeron colaborar nunha acción reivindicativa, sen precedentes na cidade, para “visibilizar as nosas veciñas sen casa, que si teñen identidade, historia e vida detrás de cada marca da súa faciana, detrás de cada cicatriz nas súas mans, detrás de cada pedra nas súas costas e ás que as Administracións Públicas non saben ou queren darlles resposta”.

Lugo Sen Mordazas e varios artistas locais, como o conocido como primo de Banksy, reivindicaron así, o pasado 24 de decembro as accións performativas e plásticas acontecidas ao longo da xornada, como denuncia pública e visibilización da situación das persoas sen fogar baixo o hashtag#NinguénÉInvisibleEnLugo.

Lugo é a terceira cidade do Estado na que máis porcentaxe de vivendas baleiras hai e “tan só conta cun albergue malchamado Fogar do Transeúnte de 16 prazas para homes e 4 para mulleres para dar aloxamento en situacións de emerxencia a 20 persoas en total, que deben cruzar a cidade para recoller o seu bono na Comisaría da Policía Local para poder pernoitar e comer no dispositivo”, denuncian dende Lugo Sen Mordazas. A estadía máxima no Fogar do Transeúnte é de tres días ao mes, “tempo no que ningunha persoa pode procurar un teito baixo o que resgardarse, agás o dun caixeiro automático ou soportal”.

“Apenas dous pisos de emerxencia e, con sorte, o pago de quince días nun motel da cidade, se se cumpren os criterios da traballadora social de zona, que por moito que queira, non pode ofrecer nada máis, cunha axenda programada para oito usuarias por mañá, nuns Servizos Sociais municipais insuficientes e colapsados”, critica a plataforma.

Vítimas de desafiuzamentos, vítimas do desemprego, vítimas da violencia machista, vítimas dos abusos, vítimas do sistema capitalista que asoballa e afoga a tantas persoas levándoas ao desamparo, que rematan por fuxir das súas persoais barbaries para atopar refuxio no frío chan de pedra da cidade. “Enfermidades mentais, alcoholismo, toxicomanías… son moitas as envolturas e síntomas que padecen as moitas persoas sen teito que atopamos na nosa cidade. Algunhas foron ferramentas desenvolvidas para sobrevivir ao frío, ao medo ou a soidade, no caso doutras foron o inicio do seu desastre persoal”.

“Porque #NinguénÉInvisibleEnLugo, non volvas a cara, non mires ao chan, non subas o volume dos teus auriculares e contempla. Ao teu arredor hai moitas vidas invisibles que pasan desapercibidas para o Estado. Non sexas cómplice: mira, escoita, sinte, toca… Son as nosas veciñas”, clama a plataforma.

Novas relacionadas

  1. Sarainha Chinaski
    Dec 26, 2019 - 07:59 PM

    Dise “COÑECIDO”

    Reply
  2. Carlos Fernandez Peleteiro
    Dec 26, 2019 - 03:41 PM

    Temos muy pouca conciencia sobre esto….. Non nos damos conta da realidade. Bravo polas persoas que levaron a cabo esta iniciativa

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com