" />

Lugo sen Mordazas amosa no Pleno o seu rexeitamento á moción do PP para traballar nunha nova Ordenanza Mordaza

Integrantes da Plataforma Lugo Sen Mordazas, concentráronse hoxe diante do Concello para lembrarlle ao goberno local que continúan atentos ante calquer intento de “pór mordazas á cidade”. O PP levaba hoxe ao pleno a proposta de comezar a traballar nunha nova Ordenanza Cívica, que a Plataforma denomina “ordenanza mordaza”, nesa moción quixeron estar presentes algúns dos membros da organización para amosar o seu rexeitamento ante esta novo intento de sacar adiante unha normativa “represora”.

Tanto PSOE como Cs votaron en contra e eso fixo que se rexeitara esta proposta, pois o voto a favor dun deses grupos e a abstención do outro abondaría para que a tramitación seguise adiante. Coa negativa de todos os grupos agás o PP, ponse fin, segundo considera a plataforma “cando menos durante esta lexislatura, ó proxecto de aprobar unha ordenanza de corte represor e excluínte”.

“Consideramos que isto demostra que para conseguir obxectivos só hai unha vía: a mobilización social. Sen ela, sen estes meses de andadura da plataforma, todo isto non sería posible”, aseguran dende Lugo Sen Mordazas, que celebra a retirada efectiva da ordenanza no pleno de hoxe e que a ve como “un logro da veciñanza de Lugo”.

Con todo advirten que, “non adoptamos unha postura inxenua nin conformista” e continuarán expectantes pois, consideran que o goberno local “ten intencións manifestas” de aplicar políticas que traballen na mesma dirección que a fallida Ordenanza Cívica. Asemade, dende a plataforma dan conta de que Cidadáns defende a elaboración dunha nova ordenanza similar e que, a primeira promesa electoral do PP cara as vindeiras eleccións é a aprobación dunha ordenanza de Civismo.

Por iso, “a valoración que facemos é que aínda queda moito por facer, unha retirada pola nosa parte só serviría para dar carta libre ó Concello para facer e desfacer ó seu antollo.  Seguimos e seguiremos activas por unha cidade viva e inclusiva”, conclúe a Plataforma Lugo Sen Mordazas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo