" />

Lugo terá o primeiro edificio ecolóxico de toda Galicia construido con madeira autoctona

O Concello de Lugo será o primeiro de moitos en crear un edificio de baixo impacto medioambiental grazas o Proxecto Life -Lugo Máis Biodinámico, que está a levar a cabo o goberno local conxuntamente con outras entidades como a Universidade de Santiago ou a Universidade Politécnica de Madrid. Un dos proxectos máis ambiciosos que propón o executivo para este programa é a construcción do primeiro edificio público construído en base a recursos naturais.

Así, Lugo será a primeira cidade en Galicia que contará cun edificio público, construido íntegramente en madeira autóctona e que funcionará con enerxías limpas. Este edificio, denominado, Impulso Verde, conterá actividade diaria en impulso ao sector empresarial medioambiental e será o xermen do primeiro barrio multiecolóxico de España. O edificio, duns 677 metros cadrados estará situado na confluencia entre a Avenida Paulo Fabio Máximo e a Duquesa de Lugo.

O Concello de Lugo lidera deste xeito “unha auténtica revolución no modelo de construción urbana e no modelo productivo do noso país, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais”, subliñou a Alcaldesa. E faino a través do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, no que conta como socios colaboradores coa Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Impulso Verde é unha das accións centrais incluídas neste “ambicioso e innovador proxecto, que sitúa á nosa cidade na vangarda do desenvolvemento urbanístico sostible e da economía verde”, asegurou a Alcaldesa na presentación.

O edificio Impulso Verde terá un uso público e actividade permanente, pois nel funcionarán servizos municipais, ademais de un espazo coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático, zona expositiva e aula de formación. Situarase na zona da Garaballa, entre os polígonos industriais do Ceao e as Gándaras, en fronte á área comercial As Termas.

Este proxecto “marcará un punto de inflexión na construcción, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma constructivo cara modelos sostibles, respectuosos co medio ambiente, alternativos aos convencionais, que son altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, pois están baseados fundamentalmente nas tecnoloxías do aceiro e o formigón armado”, explicou a rexedora.

Impulso Verde é tamén a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, “que proxectamos para dotar de gran capacidade de adaptación e resiliencia ás contornas urbanas, pola súa capacidade de replicación e evolución no tempo”, apunto Méndez. Neste barrio multiecolóxico, ademais de edificios con madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas para a adaptación ao cambio climático que se está a elaborar, tamén dentro do Life Lugo+Biodinámico.

As solucións de deseño urbano van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá
medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.

Con Impulso Verde e o barrio multiecolóxico, o Concello de Lugo avanza tamén cara a introducción dun novo modelo productivo, non só para o municipio e a provincia, senón para toda Galicia, ao apostar por desenvolver o sector da segunda transformación a través da innovación e da madeira autóctona, isto é, aproveitando unha das materias primas fundamentais de Lugo e a provincia, como é a riqueza forestal. O 52% da superficie do concello de Lugo é agroforestal, “uns datos que poñen de manifesto a capacidade do sector de dinamizar a economía e crear emprego e, con elo, de fixar poboación, un dos grandes retos aos que nos enfrontamos”, recalcou a Alcaldesa.

A elaboración do proxecto Impulso Verde estivo coordinada pola parte universitaria implicada no proxecto Life Lugo+Biodinámico, baixo a dirección de Manuel Guaita e tamén do arquitecto e profesor universitario Antonio Lara. Está baseado na experiencia investigadora da Universidade e nos resultados obtidos nas accións preparatorias, como a cuberta Grisdhell, a primera estructura do mundo feita con eucalipto globulus, un proxecto premiado recentemente no congreso da enxeñaría en madeira máis importante do mundo, celebrado en Seúl.

Despois de valorar diversas alternativas, todas públicas e no ámbito de actuación do Life –entre os polígonos do Ceao e As Gándaras-, o Concello optou por levantar o edificio nunha parcela situada fronte á rotonda da avenida Infanta Elena que enlaza a cidade coa zona industrial pola súa situación estratéxica. Presenta tres características fundamentais: máxima visibilidade e proximidade a núcleos de poboación e actividade; centralidade no ámbito de actuación do Life, o que nos permitirá explicar o programa a partir de itinerarios con orixe no edificio e que discorran polo resto de actuacións forestais e urbanas; e accesibilidade, que se reforzará co futuro desdobramento e humanización de Infanta Elena.

Unha vez terminado o proxecto, mañá a Xunta de Goberno aprobará sacar a contratación as obras de construcción. O orzamento é de 1.040.503,30€ e o prazo de execución de 12 meses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo