Lugo vestirase de negro para rexeitar a violencia machista

Lugo vestirase de negro en repulsa da violencia de xénero. Farao tras sumarse o Concello a unha campaña conxunta de sensibilización no marco do Día Internacional contra a Violencia de Xénero baixo o nome de ‘En Negro Contra a Violencia’. 

A campaña consiste en ataviar de loito as institucións, comercios ou locais, do 18 ao 28 de novembro para darlle visibilidade a esta problemática e rexeitar, coa maior contundencia posible, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía. Faise ademais de xeito global e transversal, con coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, social e cultural, para identificar e transmitir a mesma mensaxe a través da cor negra.

Deste xeito, entidades públicas e privadas, e institucións, berrarán conxuntamente para acabar dunha vez por todas con esta lacra social, porque a violencia de xénero é unha realidade estrutural e multidimensional e un fenómeno global dende o punto de vista territorial, social, económico e cultural; e porque a violencia é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo mero feito de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos casos normalizada, e porque na última década, foron 42 as mulleres asasinadas por violencia machista en Galicia e 656 en España.

A campaña foi presentada este venres pola a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, acompañada do Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, nun acto ao que tamén asistiron representantes do colectivo de taxistas de Lugo, de asociacións dos ámbitos da diversidade funcional, da emigración e inmigración; colectivos sociais, comercio, autónomas, empresarias, hostalería, Lugo Monumental e Secretariado Xitano, que tamén se van unir a esta iniciativa, xunto á comunidade educativa.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com