Lugonovo alerta de novas descargas ilegais de neumáticos en Teixeiro

O pasado 18 de decembro produciuse a “enésima descarga ilegal de pneumáticos en Teixeiro”. As rodas, depositadas en varias ubicacións do recinto mestúranse con outros residuos, plásticos e metal fundamentalmente, o que fai pensar que non se trata dun feito illado.

“A cantidade de lixo que se amorea na parcela evidencia que nin é a primeira nin, por desgraza, será a última vertedura que se produza nesta área”, advirte Víctor Álvarez quen tamén alerta da elevada toxicidade destes materiais que conteñen até 200 substancias distintas entre as que se atopan o xofre, o chumbo ou o cadmio,  altamente agresivas para o medio ambiente.

O edil de Lugonovo achegouse días atrás á zona para comprobar a veracidade da denuncia que lle trasladou unha testemuña do acontecido. “O soar semella unha necrópole de caucho. Un auténtico atentado ecolóxico ao que o goberno municipal asiste coma un mero espectador”, reprocha o concelleiro que pregunta para cándo prevé o executivo restaurar, cando menos, o peche perimetral das instalacións coa fin de impedir o acceso ás mesmas.

“Hai anos que Lugonovo ven alertando da necesidade de acondicionar estes terreos e poñelos en valor para asegurar a súa conservación e axeitado mantemento, precisamente para evitar que situacións coma esta se reproduzan unha e outra vez. Sen embargo e, pese as numerosas iniciativas que presentamos, o que se presupoñía un xa clausurado vertedoiro parece ter recuperado a súa utilidade grazas á conivencia institucional”, lamenta Álvarez Arias quen lembra que a formación propuxo en maio a posta en marcha dun plan integral de pastoreo urbano no termo municipal no que se incluía o desenvolvemento dunha experiencia piloto inicial neste mesmo emprazamento.

“Vai sendo hora de efectivizala a non ser que o goberno prefira ter alí, en vez de cabras e ovellas e un espazo para o lecer da cidadanía, un foco permanente de refugallos contaminantes” conclúe Víctor Álvarez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com