Lugonovo aposta por converter a cidade nun referente do deporte inclusivo

“Dar un paso máis cara a equidade e a integración efectiva de toda a cidadanía”. Con esa finalidade, o portavoz de Lugonovo insta ao executivo a apostar decididamente polo deporte inclusivo.

“O noso municipio conta con destacados recoñecementos que avalan a súa accesibilidade, especialmente no eido turístico. Sen embargo, cremos que, tamén noutros ámbitos, Lugo pode converterse nun referente de igualdade e correspóndelle ao Concello contribuír a que así sexa”.

Santiago Fernández Rocha suxire, entre outras medidas, seguir avanzando na dotación de instalacións libres de barreiras arquitectónicas, establecer marcos de colaboración entre os diferentes organismos ou incrementar as convocatorias de bolsas económicas coas que se apoia ao movemento asociativo do sector e aos atletas.

“As escolas de base levan feito un gran traballo na difusión e promoción do deporte, unha tarefa para a que foi imprescindible o apoio institucional. Mais as administracións deben ampliar as súas perspectivas e ter en conta a heteroxeneidade social para xuntar esforzos en prol da inclusión real. Ben facilitando a creación de clubs constituídos por persoas con diversidade funcional, ben organizando eventos, competicións ou xornadas de xogos adaptados ou mesmo realizando accións formativas que sensibilicen á poboación”, explica o voceiro.

A proposta de Lugonovo oriéntase, entre outros aspectos, a estimular  ás entidades locais para que amplíen o espectro das súas actividades e promovan unha participación xeral, ao marxe de limitacións físicas, psíquicas ou sensoriais. “Unha normalización que podería recoñecerse logo como un mérito máis á hora de concorrer ás diferentes achegas ou subvencións públicas”, abonda Fernández Rocha quen, para concluír,  subliña o carácter como ferramenta de rehabilitación, motivadora e potenciación da estima e da autonomía persoal que ten a práctica deportiva.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com