Lugonovo aposta por converter Lugo nun concello Cota Cero

Lugonovo trasladou as propostas en materia de accesibilidade que a formación incluirá no seu programa electoral. O candidato á alcaldía, Xosé Chorén, participaba esta tarde no debate organizado p or Auxilia, previo aos comicios do 26 de maio no que asegurou que “a nosa principal prioridade é acadar que Lugo sexa unha cidade Cota Cero. Un requisito imprescindible para que a igualdade sexa universal”.

Xosé Chorén fixo referencia a algúns dos moitos atrancos que aínda presenta, a día de hoxe, a cidade. “Bos exemplos témolos no tipo de firme da Ronda da Muralla, ou da Praza de Pío XII, onde hai adoquíns, no canto doutro tipo de pavimento; nun bordillo ao final dun paso de peóns en Garabolos ou na nova praza do Agro do Rolo e non un rebaixe; un escalón na entrada da igrexa de A Nova e non unha rampla. Parecen cousas pequenas pero non o son. Son grandes impedimentos que, referidos tanto á mobilidade como aos sentidos e ao coñecemento, poden limitar liberdades tan fundamentais como o dereito á participación, á cultura, ao ocio, ao deporte, ás relacións sociais ou á información. Así que non son un simple adoquín, nin un simple bordo, nin unha simple escaleira. Son obstáculos inxustos e hoxe tamén inxustificables que frean o desenvolvemento integral das persoas”.

Precisamente por iso, o alcalcable de Lugonovo avanzou a pretensión da Plataforma de crear unha partida económica específica de investimento anual para a eliminación de barreiras, para o que tamén apuntou a elaboración dun censo no que estean localizadas co obxecto de proceder a súa eliminación progresiva segundo criterios de prioridade.

“Todo isto tería cabida nun plan director de mellora da accesibilidade no que ocupa un lugar transcendental o control municipal sobre as licenzas concedidas para garantir o cumprimento da normativa así como a inclusión da perspectiva de xénero no deseño urbano”. Pictogramas nos edificios públicos e nas marquesiñas do bus, a adaptación de voz dentro dos vehículos ou o aumento do volume nos semáforos sonoros, son outras das accións futuras de Lugonovo nesta materia.

“A reposición de tódalas dotacións públicas por unhas que sexan accesibles; o aumento do número de prazas de estacionamento reservadas e mesmo a creación dunha App que permita coñecer a súa ubicación e dispoñibilidade así como outra aplicación coa que poder comunicarse cos servizos de emerxencia, o 010, información das liñas de transporte, son algunhas das nosas suxestións para acadar unha autonomía persoal efectiva, o que debe ser o obxectivo fundamental cara o que avanzar e para o que, dende Lugonovo, entendemos como básicas as campañas de concienciación social, fundamentalmente no eido educativo, e tamén o desenvolvemento de programas e servizos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral”, explicou Xosé Chorén.

O candidato de Lugonovo a alcaldía subliñou que, as referidas, son demandas que a formación foi recollendo non só das reunións que mantiveron con diferentes colectivos lucenses “senón tamén suxestións achegadas polas nosas compañeiras de candidatura con diversidade funcional, entre as que destacamos, sen dúbida algunha, a creación dunha Oficina Única de atención ás persoas con discapacidade dende a que se centralice a información e axuda cidadá a cada usuario, dunha maneira individualizada, e mesmo se proceda a unha triaxe para a priorización dos casos. E tamén a posta en marcha da Comisión de Traballo integrada polas administracións con competencias e polas asociacións do sector. Un compromiso que se acordou no último Consello Local de Servizos Sociais e que segue pendente”, lamentou.

“Para a nosa formación é importantísimo tamén a formación específica de tódolos profesionais que traballen nesta área, na Casa da Muller, os que inteveñen no deseño, na realización de actividades culturais, deportivas ou de ocio; así como ampliar o período de contratación da persoa intérprete da que dispón o Concello e impulsar que se recupere a formación de intérprete, actualmente suprimida”.

“En canto ao mercado laboral, pularemos polo ascenso da cota de reserva legal do emprego ata o 7%, pola reserva de espazos nos polígonos industriais para a creación de empresas de emprego protexido e polo establecemento de axudas para adaptación de postos de traballo e a axilización das licenzas de obras para mellorar a accesibilidade. E, en materia de Benestar, queremos fornecer a asistencia social municipal mediante a elaboración de programas de vida  independente, respiro familiar ou asistencia domiciliaria”, engadiu o alcaldable de Lugonovo.

O candidato da formación, lamentou que “aínda que se foron facendo avances, en Lugo atopámonos moi lonxe de que a accesibilidade sexa unha característica común a tódolos edificios, rúas ou mesmo aos servizos públicos como o transporte e, moito máis lonxe aínda, de ser un requisito plenamente asumido polos xestores dos mesmos”. Nun tirón de orellas ao goberno local denunciou que “non hai máis que revisar os informes que as distintas organizacións nos achegades cada certo tempo, poñendo o foco de atención nas correccións máis urxentes para comprobar que os incumprimentos alcanzan incluso ás instalacións municipais, como, por exemplo, o centro social da Milagrosa. Onde as ramplas superan a pendiente establecida e non dispoñen de zócalos, hai pouco espazo nos despachos, os mostradores da cafetería están a unha altura máis elevada do debido, e as carencias alcanzan tamén á iluminación e aos aseos onde nin as pezas están suspendidas, nin dispoñen de timbre ou a grifería é manual, entre outras eivas”.

“En Lugonovo cremos que a atención á diversidade funcional debe formar parte das prioridades municipais, que debe ser unha máxima transversal a tódalas políticas, coa finalidade de que toda a veciñanza, sexan cales sexan as súas capacidades, poidan desenvolver o seu proxecto de vida nas mellores condicións, e sobre todo en igualdade de oportunidades, para avanzar así nun Concello que sexa plenamente inclusivo. Por iso estamos convencidos de que apostar por unha cidade accesible é apostar por unha maior calidade de vida, na medida que os equipamentos e os servizos e espazos serán máis cómodos, máis seguros e máis fáciles de empregar por todos”.

Xosé Chorén lembrou que a terceira proposta que Lugonovo levou ao Pleno foi a de converter Lugo nun referente da accesibilidade. “Nós consideramos que temos a obriga de pular pola inclusión social mediante a mellora do deseño e da funcionalidade do municipio. E cremos, ademáis, que se trata, sen dúbida, dun reto apaixoante que leva aparellados outros acicates como o de converternos nun paradigma do turismo sen barreiras. Dende entón, levamos demandando a incorporación progresiva non só de colectores de reciclaxe accesibles senón tamén de bambáns e columpios infantís nos parques, que se habilite unha solución axeitada e, sobre todo segura, para o paso ao carón do edificio número 48 da Ronda da Muralla ou para a Porta Falsa, que se ofreza un servizo de intérprete en linguaxe de signos nas instalación culturais e mesmo non quixemos que se esgotara o mandato sen trasladar a necesidade de que é preciso unha mellora urxente das condicións laborais das persoas con diversidade funcional se non queremos quedar atrás tamén neste aspecto”.

“Por iso pedimos que o executivo non escatime á hora de emprender accións positivas encamiñadas a unha maior ocupación laboral como pode ser velar porque as empresas respecten a cota de reserva de postos de traballo e mesmo que se lles esixa que o acrediten para poder acceder a contratos públicos, subvencións ou beneficios fiscais. Porque así é como o entendemos nós. O compromiso dos Concellos debe ser absoluto non só executando políticas a prol da inclusión senón tamén velando por un urbanismo integrador e accesible e sendo garantista coa labor de vixilancia que lle corresponde sobre a iniciativa privada”, concluíu Xosé Chorén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com