" />

Lugonovo aposta por transformar a cidade nun referente internacional de accesibilidade

“Potenciar a igualdade de oportunidades e fomentar a actividade económica e a creación de emprego na cidade. Con estes obxectivos, Lugonovo ven de rexistrar unha proposición, a aprobar no vindeiro Pleno Municipal, para revitalizar Lugo como cidade accesible”.

Esta é a proposta presentada esta mañá en rolda de prensa polo portavoz do Grupo Municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, encamiñada nas súas palabras “a proxectar a nosa imaxe como paradigma de municipio amable para as persoas con diversidade funcional”.

“Consideramos que temos a obriga de pular pola igualdade de oportunidades fomentando a inclusión social mediante a mellora do deseño e da funcionalidade de Lugo; é un reto apaixoante e máis cando, con esta premisa, estamos potenciando de cara ao exterior a nosa imaxe de cidade accesible e abrindo posibilidades de mercado ao permitir que toda persoa que nos visite poida desfrutar plenamente da nosa oferta cultural, de ocio e gastronómica, acadando, asemade, consolidarnos coma un referente para o turismo sen barreiras”.

O certo é que en España residen máis de tres millóns oitocentas mil persoas que padecen algunha discapacidade, unha cantidade que se  eleva a cento corenta millóns en Europa e a cincocentos millóns no mundo. “Lugo ten feito grandes esforzos por aumentar a súa accesibilidade, pero a día de hoxe, o traballo neste eido non está nin moito menos rematado. Queda moito por facer e moito por conseguir para que a nosa cidade sexa un referente mundial nesta materia. Non podemos esquecer que gozamos dunha posición estratéxica no noroeste peninsular, unha porta de entrada pola que chegarán miles de visitantes aos que temos moito que ofrecer e estamos en disposición de cuidar”.

Dende Lugonovo, propoñen entre outras medidas a elaboración dunha diagnose para coñecer a situación real do concello en materia de accesibilidade, co fin de mellorala e animar aos hosteleiros e ao pequeno comercio a sumarse a este reto, creando para eles unha liña de achegas económicas que contribúan á supresión das barreiras arquitectónicas que existan nos seus establecementos; garantir un servizo permanente de interpretación de lingua de signos, poñer en marcha un centro de recepción de visitantes ou elaborar unha guía turística integral de recursos accesibles na que tamén se valore o noso patrimonio histórico, cultural, gastronómico e natural.

“Cremos que son medidas que, tanto no que teñen que ver, primeiro, ca súa posta en marcha e logo co seu mantemento, contribuirán a crear emprego e riqueza a nivel local pero que, sobre todo, porán a nosa cidade á altura das capacidades que ten e conseguirá dar resposta ás expectativas e necesidades de tódolos visitantes por igual”.

“Tendo en conta a tradición que ten este deporte no noso municipio poderiamos por exemplo, organizar unha competición internacional de piragüismo accesible ou fomentar a celebración anual dunha conferencia internacional á que acudan organismos e empresas do sector. Un proxecto sólido, sostible e equitativo en prol da promoción económica e laboral de Lugo co que mesmo acadar trascendencia a nivel europeo”, concluíu Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo