" />

Lugonovo denuncia a falta de actuación na mellora viaria das contornas das escolas

A agrupación municipal Lugonovo denuncia a falta de actuación do Goberno local ante a seguridade peonil nas contornas de tres centros escolares diferentes. Con este obxectivo de calmado do tráfico e mellora da seguridade o grupo local propuxo, en marzo, diversas medidas encamiñadas a garantir a protección dos viandantes en tres enclaves moi concretos: Albeiros, a Piringalla e Ramón Ferreiro e, catro meses despois, “en ningún dos tres se fixo nada”.

A queixa chega da man do edil Iñaki García, quen afea ao goberno pola deixadez amosada nun aspecto que, a xuízo de Lugonovo, é prioritario. “Se agora que hai vacacións o executivo non aproveita para efectuar todos estes traballos o que está dando a entender é que non ten vontade de acometelos”.

O concelleiro sinala, asemade, que a agrupación municipal impulsou hai case medio ano un acordo plenario para crear un itinerario axeitado que comunicara o oeste da cidade co Ceip de Albeiros.

“Cada xornada, máis dun cento dos seus alumnos, provintes de zonas como a Avenida da Coruña, Garabolos ou a Medusa, sufrían unha odisea para chegar sans e salvos ao colexio. A maioría das estradas que poden empregar para desprazarse non dispoñen de beirarrúas, nin de suficientes pasos de cebra, nin de indicadores que os sinalicen e moito menos de iluminación axeitada. E pese a denuncialo e a acadar o respaldo da Corporación para mudar esta situación, segue sen dárselle solución”, reprocha García Gómez.

“A mesma deixadez contribuíu a agravar o deterioro da sinalización vial na Piringalla e tampouco aparenta que o equipo de goberno se preocupe moito por diminuir a velocidade da circulación nesta zona así como na Avenida de Ramón Ferreiro ou en Montirón onde se concentran varias instalacións docentes”, advirte o edil.

Cómpre ter en conta que, no caso do CEIP Luis Pimentel, o IES Anxel Fole e o IES Muralla de Lugo constitúen, conxuntamente, unha das unidades educativas de maiores dimensións de Galicia, na que xuntos, superan os 2.000 estudantes. E a cifra de matriculados alcanza os 4.000 entre os seis centros que se aglutinan en tres rúas do centro, como son o IES Lucus Augusti, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, a Facultade de Maxisterio, e os CEIP de A Anexa, María Auxiliadora e Rosalía de Castro.

“En total hai máis de 6.000 motivos que obrigan ao temperado do tránsito rodado, a regular a súa saturación en horas puntuais e a supervisar que a sinalización sexa correcta e visible”, conclúe Iñaki García.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo