Lugonovo denuncia que a cidade non cumpra os obxectivos europeos de reciclaxe selectiva para 2020

A agrupación municipal Lugonovo denuncia que a cidade de Lugo non cumpra correctamente os obxectivos europeos para 2020 en canto a reciclaxe selectiva. “¿En que colector se depositan os cd’s? ¿E un chisqueiro ou unha cápsula de café? ¿Estamos seguros de que o sabemos e de que reciclamos ben? Os datos reflicten que non“, asegura Iñaki García, edil de Lugonovo.

“Aparentemente estes tres obxectos poderían encaixar no contedor amarelo pero é incorrecto. Os cd’s, os acendedores e mesmo as cápsulas do café, tan frecuentes nos fogares polo seu uso cotiá, conteñen materiais tan tóxicos como as pilas e sería un erro ademais dun perigo botalos ao colector do plástico xa que precisan dun tratamento independente”, explica Iñaki García.

O edil de Lugonovo aporta tamén as cifras que demostran que as dúbidas antes sinaladas son máis frecuentes do que parece, 17 anos despois da posta en marcha da recollida selectiva. Segundo o último informe do Instituto Nacional de Estatística, das 22,4 millóns de toneladas procesadas no 2012, 18,3 millóns correspondían a desperdicios mesturados”. Segundo asegura a agrupación, estos desperdicios que van parar onde non deben, son os coñecidos como impropios, que en 2015 supuxeron o 24,30% de todo o reciclado na cidade de Lugo. “É dicir, que, a pesar do esforzo de quen os separa, unha cuarta parte do noso lixo está mal clasificado”.

A isto hai que engadir que o municipio é un dos que menos recicla de Galicia, con 18,9 quilos por habitante ao ano moi por detrás dos 26,2 kg de Ferrol ou dos 35,6 kg de Santiago e a anos luz doutras localidades como poden ser Pamplona con 67’5 kg ou San Sebastián con 62,4 kg anuais por residente, segundo os datos ofrecidos por Ecoembes.

“Que reciclemos pouco e mal quere dicir algo: que tamén a nosa concienciación é escasa e que a información que nos chega non é nin suficiente nin a adecuada”, asegura Iñaki García. Para os concelleiros de Lugonovo a solución pasa, entre outras medidas, pola implicación institucional á hora de promover as boas prácticas.

“Botamos en falta un compromiso firme do Concello de Lugo polas políticas verdes e pola promoción de hábitos respetuosos e sostibles. Basta dicir que nos últimos dous anos non se puxo en marcha ningunha campaña de sensibilización entre a cidadanía para promocionar a reciclaxe,  que apenas se deron pasos na mellora das dotacións para favorecer a recollida selectiva e que tampouco se incrementaron os puntos habilitados para depositar aquelas substancias que precisan dun tratamento específico”, subliña García Gómez.

O concelleiro de Lugonovo pedirá na próxima Comisión de Desenvolvemento Sostible que se deseñe unha nova campaña de sensibilización, comezando polo eido educativo, pero tamén extensiva aos fogares e aos espazos públicos como o mercado, a universidade ou a hostalaría, encamiñada a que valores coma a reutilización e mesmo a compostaxe se convirtan nun estilo de vida.

“A normativa europea obrigará en 2020 a reciclar o 50%, o 70% en 2030. Está claro que a carreira xa comezou e como non espabilemos, non seremos quen nin de movernos do punto de saída”, advirte Iñaki García.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com