Lugonovo denuncia que o goberno municipal non permite participar á oposición nos Consellos Escolares

A plataforma Lugonovo ven de cualificar de insólita a decisión de vetar a participación nos consellos escolares dos concelleiros do resto dos grupos da Corporación Municipal.

Segundo Lugonovo “Non é democrático, aínda que a lei o permita, nin moito menos funcional, que a rexedora nos teña apartado destes organismos. A implicación da administración local é imprescindible para o correcto desenvolvemento da actividade dos centros e para o seu mantemento nunhas condicións que garantan que tódolos nenos e nenas teñan acceso aos mesmos recursos e poidan traballar en igualdade de condicións en calquera eido educativo”.

A plataforma política con tres representantes no pleno municipal continúa dicindo que, “afastando ao resto dos partidos desta tarefa só nos da a entender que non queren que a oposición coñeza como a van xestionar pero tamén implica que terán que asumir unilateralmente tódalas demandas que neles se presenten e tódalas responsabilidades derivadas dunha intervención institucional que, a priori, e tendo en conta todo o traballo que os edís do Psoe teñen que facer na cidade, apunta a ser insuficiente e ineficaz”.

Santiago Fernández Rocha, cabeza de lista e portavoz de Lugonovo insta ao equipo de goberno a rectificar na súa determinación e que  autorice aos representantes dos demais partidos para que tamén podan acudir a esas reunións dos consellos escolares, “é a través destes organismos onde as directivas dos colexios canalizan as súas necesidades e a realidade que viven os alumnos alí matriculados. Contar con toda esa información permítelle ao Concello atallar situacións que se poden converter en verdadeiros problemas e, sobre todo, posibilítao a cumprir coa súa función”.

Lugonovo considera ademais que tamén sería conveniente pór en funcionamento, dun xeito efectivo, o Consello Escolar Municipal para potenciar a participación dos diferentes sectores na política educativa, así como actualizar e organizar o mapa escolar do concello por Distritos que inclúan tódolos centros sostidos con fondos públicos e racionalizar a oferta de prazas, en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com