Lugonovo e BNG aluden á falta de previsión ante as inundacións de onte

O descontento entre a veciñanza lucense, así como entre os diferentes partidos da oposición dentro do Concello de Lugo, vai aumentando día tras día segundo se suceden as choivas e, porén, as inundacións.

Mentres as redes sociais énchense con vídeos e imaxes de diferentes zonas da cidade inundadas como a avenida da Coruña, Fontiñas, ou incluso o Hula, os partidos da oposición deron xa as súas primeiras impresións e a conclusión é crara: “unha mala xestión e previsión”.

Por un lado, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, presentou unha serie de preguntas no Parlamento Galego en relación as filtracións de auga no Hula derivadas da choivas de onte. Rodil dixo que “o BNG quere que se esclareza se a auga entrou por un defecto construtivo ou por fallos no mantemento do edificio”, e tamén queren saber se a dirección do SERGAS ten previsto medidas para evitar que volva a suceder.

“En Galiza chove e en Lugo tamén, non é normal que no HULA entre a auga como se viu onte” dixo a Olalla Rodil que cualificou de “paradóxico” o feito de que se fixera un edificio destas dimensións en Lugo cunha cuberta plana.

Polo outro lado, o grupo municipal Lugonovo responsabiliza das inundacións destes días á falta de previsión do goberno local. Os edís e a edil da agrupación cuestionábanse esta mañá que tipos de infraestruturas ten a cidade para que se provoquen, ano tras ano, estes anegamentos.

A espera de que o goberno ofreza algunha explicación sobre o sucedido, os concelleiros de Lugonovo cren que a situación vivida se debe, fundamentalmente, á falta de mantemento, limpeza e coidado da rede de sumidoiros.

Para o edil da agrupación, Iñaki García, “resulta evidente que se unha tormenta é capaz de ocasionar todo ese caos é porque algo falla”, e asegura que o que falla “é a supervisión e tamén a previsión do executivo para garantir o correcto funcionamento das dotacións públicas”.

Novas relacionadas

Os comentarios están pechados


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com