Lugonovo esixe á Xunta a mediar para restablecer o subministro eléctrico na Ponte

A concelleira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, esixiulle hoxe ao goberno autonómico que abandone “a actitude de pasividade que está a amosar” e interveña para resolver a situación de desprotección dalgúns dos veciños do barrio da Ponte que non teñen luz nas vivendas, “ao ser o Instituto Galego de Vivenda e Solo o propietario de casi o 90% dos inmobles”. O impago dalgúns deles do último recibo da luz é a causa de que os residentes das vivendas sociais da Ponte se manteñan ás escuras dende finais de xullo.

“Compre ter en conta a condición social dos residentes nestes pisos xa que moitos deles pertencen a colectivos en exclusión social e a maioría son desempregados ou perceptores dalgunha prestación como único modo de subsistencia. Isto deixa nunha posición moi comprometida a toda a comunidade, incluíndo ós veciños que si están á orde do día nos seus pagamentos pero que dende hai máis dunha semana, sofren as consecuencias da interrupción do subministro sen que a administración competente lles dé solución ao respecto”.

Dende o Grupo Municipal Lugonovo “consideramos que a Consellería de Vivenda conta con ferramentas suficientes para traballar con eficacia no caso, garantindo a protección dos cidadáns e instámola, polo tanto, a facer unha xestión moito máis rápida e responsable do que amosou ata o de agora”.

Asemade, “emprazamos ó IGVS a que, tal e como xa fixo noutra ocasión, se faga cargo das circunstancias nas que se atopa dita comunidade e empregue tódolos recursos que están ó seu dispor tanto para acadar o aboamento das cotas adebedadas, nos casos nos que sexa posible, como para conseguir que a comunidade recupere rapidamente o subministro eléctrico”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com