Lugonovo esíxelle ao Concello que “presione” á Xunta para rematar o Auditorio

Os concelleiros de Lugonovo reclámanlle ao executivo local que dea “un golpe de determinación” para esixirlle á Xunta o remate do Auditorio. Neste sentido, reclaman maiores mostras de vontade política para chegar urxentemente ao entendemento.

“Resulta vergoñento asistir a esta confrontación entre administracións en todos os asuntos nos que se comparten competencias. O manido é comparalo cun partido de tenis, pero en xogo están as infraestruturas e os servizos máis relevantes da cidade. Non pode ser que sempre, no canto de aproveitar a colaboración institucional para sacar adiante proxectos destacados, a diferencia de cores dos capitanes remate por dividir esfozos e converter nun caos a xestión pública”, critica o portavoz da formación, Santiago Fernández Rocha.

Rocha enumera os últimos “despropósitos” que representan este conflito entre administracións. “O dique da Fábrica da Luz, os trámites que restan do PXOM, o Cuartel de San Fernando ou as obras no CEIP das Mercedes son exemplos do lameiro no que se convirte a cousa cando hai máis dunha vasoira varrendo. Sen embargo, lonxe de aprender dos fracasos, Concello e Xunta parecen querer mellorar a marca do desastre acadado coa súa intervención anterior”, engade o voceiro de Lugonovo.

“Vén acaído e, polo tanto, apuntámolo como suxestión, que, para estes casos nos que interveñen varios entes, se cree un equipo de control que coordine os traballos, delimite as competencias que cada un debe asumir e axilice os procesos para que non morran de inanición como acabará pasando con este edificio se non se superan dunha vez as diferenzas ideolóxicas e partidistas que deberan quedar relegadas en prol do interés xeral. Serviría ademais para ofrecer unha mellor imaxe da política, que agora mesmo non lle ven nada mal”, resume Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo