Lugonovo pídelle á alcaldesa “sinceridade” sobre o proxecto de Orzamentos de 2019

A portavoz de Lugonovo insta á alcaldesa a dicir a verdade sobre a existencia, ou non, dun proxecto de orzamentos para o exercicio en curso. “Se a señora Lara Méndez tivera previsto facer unhas contas propias para o 2019 ese documento xa tiña que estar sobre a mesa de todos os partidos hai bastante tempo. Concretamente dende o pasado setembro, permitindo así que o procedemento se axustase aos prazos estipulados con vistas a entrar en vigor o 1 de xaneiro”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A voceira do Grupo Municipal cre que o anuncio feito pola rexedora durante o Debate do Estado do Concello “non foi máis que fume, outro aderezo do seu discurso: o primeiro mitin da campaña, baseado na prestidixitación do que debera ser, pero non é, a xestión que desenvolve á fronte da institución”.

“Despois de tres intentos e, a piques de esgotar o mandato, semella que o goberno aínda non consegue compasarse aos requirimentos deste proceso e que conlevan, primeiramente, trasladalo e negocialo co resto da Corporación, en caso de existir vontade real para que prospere. A partir de aí iniciase todo un percorrido de emendas, debate e aprobación, exposición pública e resposta a posibles alegacións que poden demorar a súa aplicación, cando menos, un trimestre. Polo tanto – insiste Pérez Herráiz – non sei se este executivo quere, con sinceridade, que Lugo dispoña este ano de presuposto, se, conforme á dilixencia que ven amosando, pretende presentalo xusto na xornada de reflexión ou se, como parece, xa ten decidido darlle continuidade a prórroga do anterior con tal de seguir acomodado na súa política de brazos baixados. Rogámoslle que se é así, teña a valentía de admitilo publicamente, non vaia ser que outra vez máis pretenda entregarnos o borrador do texto tres días antes do Pleno e sen apenas marxe para poder formular achegas ao mesmo”.

A portavoz da formación conclúe: “é desesperanzador que a alcaldesa e o seu equipo permanezan instalados na desidia ata en cuestións transcendentais coma esta, que condicionan o correcto funcionamento da administración local. Son eles os que se demoran no impulso de tódolos trámites e nin sequera executan as partidas que deseñan pero, iso si, logo dirán coma sempre que a culpa de todo a temos a oposición”, sentenza Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com