" />

Lugonovo preguntará pola conservación da Escola Municipal de Música

Lugonovo pedirá nas vindeiras Comisións de Pleno que o goberno aclare cómo pensa asegurar o futuro da Escola de Música Municipal, despois de que o Tribunal Supremo inadmitira o recurso de casación presentado polo Concello contra a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que impide aos músicos da Banda Municipal exercer tamén como docentes, obrigando agora á institución a executar a sentenza.

“Levamos case dous anos a voltas con este asunto e coa espada de Damocles pendente dun fío, polo que entendemos que o executivo, caracterizado pola súa axilidade e capacidade de previsión, aproveitou todo este tempo para articular un plan B que poida garantir o funcionamento habitual do centro. Agora, xa contra as cordas, e cun prazo máximo de dous meses para acatar o fallo, queremos saber cal é a solución que lle pensan dar a semellante conflito”, inquire Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da formación solicita tamén explicacións sobre as condicións laborais ás que o ditame xudicial aboca aos músicos da Banda que volverán á media xornada. “Temos moitas dúbidas sobre as posibilidades de que neste caso se poida acometer unha modificación parcial da RPT para abordar a cuestión, tal e como se fixo coa adecuación dos requisitos para optar ao cargo de director da agrupación, e a outra opción é practicamente inviable nese horizonte de 60 días: a aprobación da Relación de Postos de Traballo”, advirte Pérez Herráiz.

Ao marxe da contestación que o documento está a ter entre o persoal, habería que engadirlle unha longa tramitación que pasa por dispoñer dos informes respectivos por parte da Xefa de Persoal ou da Vicesecretaria e posteriormente o da Intervención para, de seguido, ratificalo en Xunta de Goberno Local, publicar o texto no BOE, abrir o período de reclamacións e resolvelas para que puidese entrar en vigor definitivamente.

“O panorama é moi preocupante. Esixímoslle ao equipo de goberno que resolva canto antes a situación sen alterar o desenvolvemento das clases, asegurando a continuidade dámbolos dous servizos e mirando polo ben dos traballadores. Non agardamos menos!”, conclúe a portavoz.

“Era previsible”

Rubén Arroxo reclamoulle ao Goberno Municipal “unha solución” para preservar a Escola Municipal de Música como servizo público. O voceiro do BNG sinalou que “era previsible que o Tribunal Supremo rexeitara o recurso presentado polos servizos xurídicos do Concello”. Para o BNG non é admisible que este goberno faga de “espectador pasivo” ante a posible desaparición da Escola de Música. Arroxo explicou “que o BNG xa propuxo, fai tempo, a necesaria modificación parcial da RPT para salvagardar os postos de traballo do persoal docente da Escola de Música”.

Para o BNG o Goberno Municipal debe dar pasos no sentido, manifestado por todos os grupos políticos da corporación, de garantir a continuidade da Escola Municipal de Música e por iso “non se debería agardar, sen facer nada, a que o Tribunal non admitise o recurso presentado dende o concello e o fiasco en que se converteu o intento de crear unha nova RPT non da solución a este colectivo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo