Lugonovo preguntará polas causas do atraso no pagamento da nómina de decembro

¿Cales foron os motivos polos que os traballadores municipais tardaron máis dunha semana en poder cobrar o salario de decembro? A portavoz de Lugonovo apunta dúas posibles causas.

“Por unha banda, existía un reparo de legalidade procedente de Intervención debido á sentenza que impide aos integrantes da Banda Municipal exercer como docentes da Escola de Música. A outra razón é que para poder abonar as nóminas do mes pasado foi preciso habilitar unha transferencia de crédito por valor de 182.200 euros, un trámite que demorou o seu pagamento”.

Cristina Pérez Herráiz subliña que xa o decreto que autoriza a devandita operación sinala a “inexistencia de crédito adecuado e suficiente para a imputación da aprobación do soldo e a paga extra, algo incomprensible tendo en conta que o capítulo dedicado a gastos de persoal se consigna de forma anual nos orzamentos”.

“¿Como é posible que un Concello se quede sen cartos para pagar aos seus empregados?” – inquire a voceira quen atribúe ao executivo un modus operandi baseado na “improvisación e na desorganización máis absoluta”. “Moito nos tememos que durante o 2018 o goberno non tivo ningún miramento en botar man dese diñeiro para destinalo a outras cuestións e queremos saber cales foron as necesidades tan transcendentais e urxentes que o obrigaron a recorrer a unha partida como esa que debera ser intocable para calquera administración”, afea Pérez Herráiz.

A portavoz da formación lamenta igualmente a escasa consideración do equipo de Lara Méndez polos prexuízos ocasionados aos traballadores públicos, “xusto nunhas datas festivas nas que se dispara o gasto familiar” e non dubidou en cualificar o acontecido como unha mostra máis da política de “espir santos para vestir outros que define a xestión desempeñada por esta alcaldesa”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com