Muralla Lugo Muralla Lugo

Lugonovo propón a posta en valor do patrimonio da cidade a través das novas tecnoloxías e de circuítos

O Grupo Municipal Lugonovo vén de anunciar que no pleno deste mes de decembro levará unha proposta para crear un circuito histórico patrimonial da cidade que achegue a veciños e turistas “outros capítulos da nosa historia local que ata o de agora non foron postos en valor suficientemente”, tal e como explican dende a formación.

Para iso Lugonovo suxire, entre outras medidas, a creación dunha sinalética propia dos edificios, monumentos e vías, aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías coa utilización de, por exemplo, códigos QR que faciliten ao usuario todos os datos de interese deses espazos.

“Con esta iniciativa –  explica o portavoz Santiago Fernández Rocha –  pretendemos que a planificación da nosa oferta cultural supere o protagonismo tan especial que ten en Lugo a época romana e, sen deixala ao marxe, sexa capaz tamén de salientar o resto de recursos propios dos que dispoñemos tanto en materia artística, como arquitectónica e patrimonial. Queremos facelo ademais aproveitando tódolos soportes posibles e promovendo paralelamente o seu coñecemento dun xeito lúdico e didáctico entre a cidadanía”.

Para conseguilo, os edís propoñen o establecemento de seis roteiros que, seguindo unha lóxica cronolóxico-temática, destaquen as construcións máis relevantes así como contornas singulares e ubicacións urbanas que “pasaron desapercibidas para a maioría do público pola falta de recoñecemento institucional”, lamentan.

“Entre os circuítos habería un dedicado ao Lugo prerromano e romano, no que se incluirían as partes da cidade orixinaria que quedaron fóra de murallas cando se construíu a fortificación. Outro sobre a Idade Media, con base nas distintas igrexas que contemplen algúns dos episodios históricos que se viviron nelas ou ao seu redor”, explica o voceiro.

“Un terceiro percorrido estaría centrado na Idade Moderna, que acollería unha síntese do período tomando como base os pazos do concello, e os restantes terían en conta as rúas e edificios perdidos ou modificados, a arquitectura racionalista e mesmo ós narradores locais e os escenarios das súas obras”, detalla Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com