Lugonovo propón crear unha mesa de negociación específica para a policía local

Cando se retoman as conversas entre Concello e Sindicatos para abordar a situación do persoal, Lugonovo propón trasladar a negociación sobre a organización da Policía Local a unha mesa específica, en tanto que as funcións que executa e o regulamento que a rexe non son equiparables ás do resto da administración xeral.

O voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, matiza que “a problemática que atingue a este corpo non é comparable á de ningún outro departamento municipal. A maioría sofren escaseza de dotacións e de recursos humanos pero aquí estamos a falar dun servizo esencial con características propias. E, coma sempre, é básico facer unha restrospectiva para analizar por qué nos últimos tempos non se convocaron as prazas que quedaron baleiras coas xubilacións. Unha neglixencia, para nós inxustificable, baseada en criterios arbitrarios, que supuxo desaproveitar a taxa de reposición permitida pola lei”.

Como exemplo, Santiago Fernández Rocha, apunta ao acontecido durante a fin de semana na Praza do Campo onde, de existir unha maior vixilancia, seguramente esta houbera disuadido o ataque contra a Fonte de San Vicente.

“Non hai máis que facer números e sacar conclusións para atopar unha explicación á raquítica presenza policial nos barrios da cidade. Actualmente, Lugo é a capital con máis mandos de toda Galicia, 31 de 123 efectivos, o que sitúa o baremo no 24% fronte ao 17% da media. Unha parte destes 31 altos cargos non saen a patrullar, a pesares de que existe unha setenza do Contencioso que os obriga. Se a isto engadimos que a plantilla organízase en 6 quendas distintas, o resultado é que, en moitas ocasións, nin sequera os catros distritos nos que se divide o municipio quedan axeitadamente cubertos”.

Todas estas circunstancias esixen, segundo os edís de Lugonovo, a abordaxe das negociacións dunha maneira singular respectando as especifidades do corpo para atacar as súas deficiencias pero tamén para adecualo ás necesidades actuais dunha forma eficaz, o que pasa pola contratación de novos axentes.

“Figuras como a de Intendente Principal deberían ser postos a extinguir porque o que se precisa son reforzos reais nas rúas, impedindo o vandalismo, as condutas incívicas ou os estacionamentos indebidos e garantindo a seguridade das veciñas e veciños e o respecto ao patrimonio”, conclúe Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com