Lugonovo solicita a retirada da simboloxía franquista no colexio Manuel Mallo de Nadela

Os concelleiros do Grupo Municipal Lugonovo levarán á vindeira Comisión de Infraestruturas, Medio Rural e Deportes un rogo para solicitarlle ó goberno local que atenda a petición da comunidade escolar de Nadela de retirar canto antes a simboloxía franquista que aínda se mantén no CEIP Manuel Mallo Mallo.

Dende a formación denúnciase unha demora administrativa inxustificada por parte do Concello para atender a reclamación. “Trátase dunha placa fascista, que lembra a data de construción do colexio e que cómpre ser eliminada da fachada o máis axiña posible, respectando a Lei da Memoria Histórica e tamén a vontade dos pais e nais que levan ós seus fillos a ese centro”, explica o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha.

“A tramitación leva un ano atrancada, denuncia o voceiro. Despois de que a Xunta informase de que o requerimento debe partir do executivo municipal, a dirección do CEIP leva agardando dende primeiros de maio unha contestación á súa solicitude. E parécenos que, ante o malestar veciñal que está a xerar, debera ser atendida con máis axilidade e con máis sensibilidade tamén, tendo en conta que se trata dun goberno de esquerdas e dun partido que pode considerarse o paradigma da represión que exerceu a ditadura”, subliña Rocha.

Os edís da formación xa presentaron un rogo similiar na anterior convocatoria desta Comisión, nese caso, para pedir a modificación da sinal acústica do semáforo sito entre a Ronda da Muralla e a rúa Luis Cordeiro debido a que, durante o paso dos peóns, se mantiña o nome de Ruíz de Alda como identificativo da vía. Igualmente advertiron da necesidade de corrixir, na rotonda da Campiña, as indicacións que se fan cara a Avenida Carlos Azcárraga por outras nas que xa figure o nome de Adolfo Suárez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com