Lugonovo suxire promover a recollida selectiva de pilas cun concurso escolar

Concienciar, reciclar e premiar. Esa é a fórmula baixo a que Lugonovo propón recuperar e incentivar a recollida de pilas nos centros de ensino público da cidade. “Trataríase de que, dende a Área de Medio Ambiente, se poña en marcha unha campaña orientada á reciclaxe selectiva destes obxectos. O seu ámbito de aplicación estaría nas escolas do municipio baixo a modalidade de concurso, coa fin de que este formato resulte atraínte e, polo tanto, tamén eficaz á hora de participar e sensibilizar ás familias da importancia que ten unha adecuada xestión dos residuos, así como da necesidade de que non tiren as unidades usadas á bolsa do lixo”, explica Victoria Esteban Riesco.

A concelleira lembra que unha soa pila de botón, fabricada con óxido de mercurio, pode chegar a contaminar ata 600.000 litros de auga, cantidade superior á que beben catro persoas durante toda a súa vida. “Se se depositan directamente no colector, unha vez que cheguen aos vertedoiros, os metais altamente tóxicos que conteñen pasarán ao ciclo da auga a través dos lixiviados ou á atmósfera, a través dos gases producidos na queima dos restos – sinala  co conseguinte prexuízo ecolóxico e tamén para a saúde” .

Esteban Riesco cre que artellar un concurso propiciará a implicación dos destinatarios. E pon como exemplo a iniciativa desenvolvida polo Concello de Sarria baixo o nome de Liga de recollida de pilas. ”Trátase de que, cada semana, durante o tempo que dure, o persoal designado pola administración local pase polos centros para facer un reconto dos kilos recollidos, deixando constancia das cantidades na páxina web municipal. Este seguimento, acompañado da entrega dun premio simbólico, que podería basearse en material escolar, para aqueles colexios que acrediten unha maior provisión por alumno, servirían de acicate para os participantes”, explica a edil quen cualifica de “máis ben escaso” o esforzo que está a facer o equipo de goberno á hora de organizar actividades en prol da concienciación medioambiental dentro do eido educativo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo