" />

LUZ CAMPELLO

Moitas persoas de Guitiriz coñecen a Luz Campello García, orixinaria da parroquia de Labrada. Algunhas dende a súa mocidade residindo no concello e polos múltiples vencellos familiares que alí ten. Pero o que me trae hoxe a falar aquí de Luz non é só polas súas orixes chairegas, nin polo seu destacado papel no ámbito poético, no que ten destacado coa publicación de dous poemarios, ‘Do corazón da terra’ editado por Xermolos ou ‘O inventário do prohibido’ editado por Espiral Maior ou o premio de poesía Rosalía de Castro entre outros recoñecementos. Ademáis Luz forma parte do colectivo poético Nova Poesía Guitirica NPG e e ten tamén un destacado compromiso coa loita feminista. Pero como decía, Luz é tamén unha destacada profesional no ámbito do traballo social no que desenvolve a súa labor como xefa do servizo de Traballo Social no CHUAC Centro Hospitalario Universitario da Coruña con máis de 40 profesionais ao seu cargo en diferentes servizos do grande comexo hospitalario.
Pero Luz, a máis deso, actualmente dirixe o Plan de Xestión Social Sanitario na emerxencia COVID 19 onde se encargaron de organizar a atención ás familias das persoas que ingresaban no hospital por covid 19, dando apoio as familias e ás persoas máis vulnerables, por idade avanzada, dificultades de autonomía, discapacidade, etc. Unha serie de dificultades para a cobertura das necesidades básicas, como a compra,  preparar a comida, asearse sen risco ou ter acceso aos medicamentos que se lle acaban. Logo xurden outros problemas, como a necesidade de comunicación e relación social, que poden producir deterioros cognitivos e desorientación, e mesmamente desánimo ou depresións.
Desde esta iniciativa promoveron tamén  as videochamadas e visitas de despedida para persoas terminais con COVID e as súas familias coa colaboración dos servizos de enfermería.
Luz xa tiña traballado en Xestión de Emerxencias Sociais, levando a Dirección Técnica do Programa de Voluntariado “Prestige” da Xunta de Galicia, ante o desastre ambiental provocado polo verquido do fuel do barco Prestige fronte ás costas de Galiza, a finais do 2003.
Para elo, organizouse un call center cunha Liña 900, que se converteu na porta de entrada das demandas de voluntariado, donacións e información xeral á poboación. Esa liña 900 que se puxo en marcha,  volveuna a activar nesta ocasión do covid 19, mediante acordos de colaboración coas universidades, Comunidades Autónomas, Institutos e organizacións de Voluntariado de todo o estado, cobertura de seguro de responsabilidade civil, preparación das botas segundo o número de pé de cada persoa, preferencias na dieta (vexetariana, sin gluten, …), para o kit de merenda que se lles daba, articulación e ubicación dos pabellóns de deporte oara durmir, tickets comida, etc. Toda unha loxística con máis de 620.000 accións voluntarias xestionadas durante 6 meses até o peche por fin da presencia de fuel en xullo do 2005. Unha experiencia diferente a esta do COVID19 pero ambas de grande relevancia social en momentos de debilidade dos sistemas públicos e nos que a sociedade se ten mobilizado a través de movementos de voluntariado que precisan ser organizados para unha mellor eficiencia.
Luz, é unha destacada profesional que non se limita a cumprir unicamente co seu traballo senón que ademáis ofrece o seu co.promiso e experiencia para colaborar nas grandes emerxencias do país, nunha labor moitas veces escura e sen recoñecemento público pero que resulta imprescindíbel. A Chaira ten que sentirse orgullosa de mulleres como Luz Campello, que saca tempo da súa vida familiar para axudar aos máis desprotexidos alteuistamente. Paralelamente, sigue a reivindicar o papel da muller na sociedade como nos seus traballos recentes arredor da figura de Concepción Arenal.
Luz Campello é sen dúbida unha honra para a Terra Chá que nos sirve de exemplo para construir unha sociedade máis xusta e humana.
ANTÓN DE GUIZÁN

Antón Tenreiro Ferreiro

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo