Máis de 32.000 persoas visitaron a praia das Catedrais na primeira quincena do mes de xullo

Máis de 32.000 persoas visitaron a praia das Catedrais durante a primeira quincena do mes de xullo. Deste total, 29.094 obtiveron a autorización a través da web da Xunta https://ascatedrais.xunta.es.

 A delegada territorial, Raquel Arias, desprazouse ata Ribadeo para avaliar co persoal da Xunta que traballa no areal os datos de visitantes e, en xeral, o funcionamento do operativo durante estas primeiras semanas de control do acceso. Segundo puido confirmar, o plan funcionou con total normalidade e o máximo de visitantes, fixado en 4.812 persoas diarias, non se chegou a cubrir en ningunha xornada.

 Así mesmo, a delegada constatou a boa aceptación que está a ter o servizo de guía e divulgación ambiental, que nos dez primeiros días foi solicitado por 1.603 persoas. Traballadores da Xunta encárganse das visitas guiadas, ofrecendo información sobre os valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía. O percorrido ten unha duración aproximada de 30 minutos e realízanse en grupos de 25 persoas.

 Do resto de persoas que accederon á praia, preto de 1.000 correspondían a persoas aloxadas nos establecementos hoteleiros de Ribadeo; case 200 valéronse do billete do  autobús que os trasladou ata a praia, e 150 do de tren.

 Raquel Arias lembrou que as medidas de control de acceso son “necesarias para compatibilizar o goce do monumento natural coa súa preservación”, e que as diversas vías para conseguir a autorización son “áxiles e sinxelas”.

 “O sistema non só funciona senón que mellora a experiencia dos visitantes do monumento, porque se evitou a masificación e  reforzáronse os servizos”. Ao respecto, lembrou que a  propia Xunta destina tamén persoal de apoio  a actuacións de ordenación do uso público e de información das áreas de aparcamento. Este persoal resolve, entre outras cuestións, calquera dúbida que poida xurdir en relación cos pases de acceso.

 O plan estará operativo entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Durante o pasado verán recibíronse neste período preto de 240.000 visitantes, e só se completou a ocupación máxima en 14 días, todos eles en agosto. Tamén se puxo en marcha durante a pasada Semana Santa.

 A praia das Catedrais é o reclamo principal dunha zona excepcional con moitos atractivos que ofrecer aos visitantes, xa que o monumento intégrase nunha Zona de Especial Conservación (ZEC) e na área núcleo da Reserva da biosfera do Río Eo, Oscos e Terra de Burón. Ademais, está catalogada como Punto de Interese Xeolóxico (PIX).

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com