Máis de 4.000 persoas forman o dispositivo das Eleccións Xerais na provincia de Lugo

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que máis de 4.000 persoas mobilizaranse mañá na provincia de Lugo no dispositivo organizado para a celebración das Eleccións Xerais. Nestes comicios, están chamados a votar 345.037 lucenses, dos que 278.291 residen nos 67 concellos da provincia e 66.746 son residentes no exterior.

Para que os lucenses poidamos escoller mañá os 4 deputados e 4 senadores que nos representarán a próxima lexislatura nas Cortes Xerais, constituiranse na provincia un total de 541 mesas electorais e imprimíronse en total 3.000.000 de papeletas das 12 candidaturas proclamadas para o Congreso dos Deputados e 250.000 papeletas cos candidatos das 12 listas presentadas para o Senado.

As mesas electorais estarán formadas por un total de 1.623 cidadáns, que foron elixidos mediante sorteos celebrados en todos os concellos da provincia, nos que tamén se escolleron outras 1.623 persoas que actuarán como suplentes para garantir a constitución das mesas no caso de ausencia dalgún dos titulares.

Para asegurar o normal desenvolvemento das votacións na provincia, haberá un dispositivo formado por 960 funcionarios das forzas de seguridade. Ademais, 417 representantes da Administración encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos dos recontos de votos tanto para o Congreso como para o Senado.

As mesas electorais constituiranse ás 8:00 horas e as votacións terán lugar entre as 9:00 e as 20:00 horas, cando se pecharán as urnas e comezará o reconto dos votos emitidos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo