A Casa de Eirexavella acolle hoxe a última xornada de portas abertas do proxecto de arte colaborativa “O Banquete dos Paxaros”, desenvolvido durante tres días en Triacastela dentro da iniciativa “Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño”, impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.
A proposta, dirixida artisticamente por Cecilia Pereira e creada pola artista Silvia García, reuniu veciñanza, peregrinos e visitantes en distintas actividades participativas arredor da creación artística, o patrimonio e a memoria colectiva. Entre os momentos máis destacados estivo a recuperación do antigo forno da Casa de Eirexavella, que volveu acenderse tras case 70 anos sen uso para cocer letras de pan elaboradas polas persoas participantes.
O programa incluíu tamén un obradoiro de la e feltrado, no que as veciñas maiores compartiron técnicas tradicionais e experiencias coas novas xeracións e cos peregrinos, favorecendo o intercambio de coñecementos.
A alcaldesa de Triacastela e presidenta da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Olga Iglesias, subliñou que este tipo de iniciativas contribúen a reforzar a participación cidadá e a poñer en valor o patrimonio e as tradicións vinculadas ao Camiño de Santiago.






