Máis do 60% da poboación da Mariña perdeu a asistencia presencial de paliativos/HADO

A Plataforma Sanitaria da Mariña dá voz á denuncia pública dun paciente a cargo de paliativos desde hai máis dun mes  que nunca recibiu atención presencial no domicilio.  O paciente fixo denuncia pública a través da Plataforma
Sanitaria da Mariña pola desaparición, na maior parte dos concellos da Mariña, da atención presencial que ata hai algo máis de seis meses viña dando o servizo de paliativos/ HADO dependente do Hospital da Mariña.

O paciente padece unha aplasia medular desde hai anos, seguida polo servizo de Hematoloxía, máis ante o franco empeoramento da mesma é derivado ao servizo de Coidados Paliativos hai algo máis dun mes. Malia que gran parte da actividade destes servizos desenvólvese nos domicilios dos pacientes, desde hai máis de seis meses e debido á falta de cobertura dos profesionais do servizo, a xerencia determinou que so tres ou catro concellos foran receptores
deste servizo.

Segundo relata a Plataforma, o paciente e a súa familia destacan o bo facer e o enorme esforzo dos traballadoros de
paliativos vía telefónica. Desde o primeiro momento, tanto o paciente como a súa familia, quixeron deixar constancia do trato exquisito que lle brindaron as e os traballadores do servizo, e saben da enorme carga de traballo que teñen, ás veces doble ou triple da que lle corresponde, máis “eso non xustifica que aos pacientes se lles negue a asistencia que deberían ter nos seus fogares , cargándolle ese traballo ao seu centro de saúde, abondo saturados tamén ”- comentan.

A esposa e coidadora principal do paciente explica que toda a atención que recibiu foi telefónica, e por iste motivo síntense agraviados respecto doutros pacientes que reciben a atención propia do seu padecemento. Comenta tamén que no seu caso “a gran responsabilidade e implicación familiar, axuda moitas veces incluso aos profesionais de primaria, en quen se descargou a responsabilidade da atención presencial”. Este foi o motivo de que pedisen axuda á Plataforma, que rexistra a correspondente reclamación o día 13 de decembro.

O servizo só funciona de xeito presencial en catro dos catorce concellos da Mariña. Os servizo de Paliativos/Hospitalización a Domicilio (HADO) conta cun cadro de persoal de 3 facultativxs que traballan en quenda de mañá de luns a venres e 5 enfermeiros , que cubren as mañás e tardes de todos os días da semana, polo que, segundo a Plataforma, “o servizo está estruturalmente deficitario ,desde a súa orixe, para unha poboación de case setenta mil habitantes, cunha alta dispersión e máis de oitenta quilómetros entre os extremos da comarca”.

Máis desde hai uns seis meses “está a funcionar con dous dos tres médicos e incluso hai días en que so hai un”. Os permisos ou baixas dos enfermeiros tampouco se están a sustituir, recaendo eses turnos de ausencias sobre as compañeiras. Esto supón que o traballo está habitualmente duplicado ou triplicado.

Ante esta situación o Sergas dá como solución eliminar o servizo presencial en dez dos catorce concellos, quedando máis do sesenta por cento da poboación sen a presencialidade, que recae sobre persoal de Atención Primaria, persoal que xa está sobrepasado porque aquí tamén están moitas veces ao cincuenta por cen ou incluso por debaixo.

Desde a Plataforma Sanitaria esixen ao Sergas que se sustitúa o persoal ata chegar á dotación inicial todos os días, para poder retomar a atención presencial na totalidade dos concellos da comarca, rematando coa discriminación coa que o Sergas ten sometida á maior parte da poboación mariñá. Segundo comenta a coordinadora dxs activistas sanitarixs, Montse Porteiro, “o argumento teimudo do Sergas de que non hai médicxs nen enfermeirxs nos nos vale como resposta nin a nós nin á veciñanza e instámolos a que se poñan a traballar de firme, con máis feitos e menos publicidade enganosa, para rematar coa enorme desigualdade que supón privar a pacientes dun servizo que outrxs teñen, e coa sobrecarga de traballo q se bota enriba da Atención Primaria”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com