Manifesto da asociación Si, hai saída para este 8M

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, co gallo do 8M, Dia da Muller, desexamos, un ano mais, manifestar a nosa postura.

Somos, evidentemente, conscientes, malia os avances conseguidos, do lonxe que, a día de hoxe, en pleno século XXI, nos atopamos de acadar esa igualdade real que fai que as mulleres sexamos consideradas, aínda, en certos eidos, cidadáns de segunda.

Fenda salarial, teitos de cristal, dificultades para conciliar, ou mesmo vernos na tesitura de ter que escoller entre a nosa vida profesional ou as obrigas familiares, algo impensable, agás raras excepcións, para os homes, xornadas interminables que ligan a laboral, fora da casa, coas tarefas domésticas, discriminación a hora de optar a un traballo por ter fillos, ou, sinxelamente por ser mulleres, o noso eterno rol de coidadoras, etc, etc, son tan so algúns dos exemplos que amosan o moito que aínda queda por facer e que se fan evidentes acotío, e dun xeito aínda mais duro para as mulleres do rural.

Mención aparte merecen, pola súa extrema gravidade, as aldraxes provocadas polo machismo aínda imperante na nosa sociedade, e que ten a súa máxima expresión na violencia de xénero, que nos azouta sen cesar, cada día mais, cobrándose tantas vidas de mulleres, e, en moitas ocasións, por extensión, de nenas e nenos, así como a violencia sexual, que medra de día en día.

Pero hai outro xeito de discriminación, do que ninguén fala, ou, mellor dito, si que se fala, pero as agochadas, baixiño, sen que se escoite, porque que se isto sucede, quen o fai vai ser estigmatizado, sinalado. Estamos a referirnos a discriminación exercida por mulleres, e que, pese a quen pese, existe.

Unha discriminación que ven da man daquelas que, elas saberán por que motivo, se autoerixiron en autoridades dun falso feminismo que decide quen de nos, mulleres, é feminista e quen non, impoñendo unhas normas que elas mesmas acuñaron e que semellan ser case un dogma de fe.

Un falso feminismo que mancha o nome de tan digno movemento, polo que tantas e tantas mulleres loitaron, abríndonos camiño, e que se basea no respecto, na liberdade, e na procura desa igualdade de oportunidades para todas e para todos, mulleres e homes, porque o feminismo, o de verdade, o limpo, vai disto, de igualdade de oportunidades e tamén de obrigas, non de loita de sexos, nin de supremacías.

Un falso feminismo que renega do sistema, pero non ten, en non poucos casos, o menor escrúpulo en vivir del. Un falso feminismo que discrimina, que exclúe a todas aquelas mulleres que nos permitimos exercer o noso dereito a opinar, a ter criterio propio, e, por suposto, nos negamos a dobregarnos ante unhas “leis” impostas por aquelas que, no seu nome, e no da igualdade, se cren con dereito a menosprezar, a rexeitar, ou mesmo a insultar a aquelas que  non aceptamos a súa tiranía, a súa inflexibilidade, que é igual ou peor que o machismo, que o patriarcado mais recalcitrante.

Un falso feminismo que maquilla a súa intransixencia, o seu fanatismo, berrando consignas e detrás das pancartas, dous días no ano, pero que os 363 restantes sementan intransixencia, rexeitamento, faltas de respecto, e mesmo odio, contra canta muller non se prega ante elas, algo que, por desgraza, en Si, hai saída coñecemos ben, e que vivimos na nosa pel dun xeito especial no último ano.

Un falso feminismo que, mentres siga presente, por moito que se agoche, segue podrecendo canto toca, facendo inútil toda loita. Por isto, como cada ano por esta data, desde Si, hai saída queremos amosar todo o noso apoio, o noso máximo respecto, a todas as mulleres loitadoras, que están a deixarse a pel cada día para sobrevir elas, os seus fillos, para abrirse camiño nunha sociedade que lles é hostil, e tamén, por suposto, desexamos facer extensivo ese respecto a cantas mulleres e homes que desexen participar, se a estes últimos llo permiten, porque non sempre é así, e que, de corazón, se unen, nos diferentes actos destes días, contra os que, e queremos, como sempre o facemos, que quede moi claro que en Si, hai saída non temos nada en si mesmos, se non en contra de quen os utiliza para fomentar todo canto acabamos de expoñer, aproveitándose da boa vontade de moitas e de moitos que descoñecen a súa  auténtica cara.

E, para rematar, coma non podería ser menos, o noso recordo e a nosa sincera homenaxe para as vítimas de violencia de xénero.

Para as que están a sufrila, para as que xa non están, para os seus fillos.

Para vos, e con vos, estaremos, como cada día, este 8M.


Texto: Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com