Marcando territorio

No Reino animal, os exemplares do xénero masculino teñen a necesidade marcada polos xenes de aparearse para garantir a continuidade da especie, e en todo momento marcar territorio para que o seu lugar non sexa invadido por outro da mesma especie

 Nos humanos, a evolución fixo que estas tendencias animais se modificaran, depuraran, pero en esencia perviven esas ansias de marcar territorio en calquera actividade de traballo ou de lecer, e desde logo na política.

 Cando os nosos políticos discuten por banalidades esquecéndose dos temas fundamentais, ás veces parece unha loita de galos que queren deixar constancia, aínda no tema mais obvio, do seu parecer diferente, non vaia pensar o opoñente que lle vai dar a razón ao cento por cento.

 Propón o goberno unha acción radical contra a pandemia que nos aboura e  máis ou menos todos convimos en que algo hai que facer para coutar as desmesuras da pouca responsabilidade, e a oposición, estando de acordo no problema de fondo só se para a discutir formas ou tempos, e discuten quincenas, semanas ou meses, para que o goberno non reciba un cheque temporal en branco.

 Se non é posible ir do brazo en temas vitais coma este, aínda tendo as posicións moi preto, deberían evitarnos discusións políticas a cara de can e utilizar a cafetería do congreso –tódalas cafeterías, que agora están en tempos baixos- e nunha conversa de café, ao vello estilo, partir pola metade as diferencias e chegar a unha solución de consenso. Comprendese a necesidade de marcar territorio, e nisto non hai distinción de xénero, pero é momento de que pensen que ese territorio somos nós.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com