Mariña Patrimonio denuncia a falta de protección dun xacemento da Idade de Bronce

ADEGA e Mariña Patrimonio informaron a comezos do pasado mes de febreiro ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo sobre os movementos de terra que se estaban a producir durante os labores de limpeza dunha finca en Cuíña, situada a escasos metros dunha zona onde se atopan restos arqueolóxicos. Estes movementos poderían ter afectado o sitio arqueolóxico, no que se aprecian centos de fragmentos de cerámica que, segundo varios arqueólogos consultados, datarían da Idade do Bronce.

Este importante e singular xacemento foi descuberto por Mariña Patrimonio en 2010, data na que xa se informara ao Servizo de Patrimonio de Lugo da súa aparición ao tempo que se lle solicitara a súa catalogación e protección. Trala inspección do lugar, no informe elaborado daquela por Patrimonio dicíase “o día 26/04/2010 os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural deste Departamento Territorial realizaron unha inspección do lugar indicado e atoparon unha concentración notable de cerámica (…)”.

Malia a que o Servizo de Patrimonio de Lugo constatou a existencia desta concentración notable de cerámica, segundo estes colectivos, non tramitou o procedemento de inclusión do xacemento no catálogo, quedando desprotexido este ben patrimonial. A comezos de 2018, o paso de maquinaria pesada por esta zona arqueolóxica desprotexida provocou novamente o afloramento dunha inxente cantidade de fragmentos cerámicos, polo que se contactou nesta ocasión co Concello de Cervo para informar sobre a anómala desprotección deste importante xacemento.

Así mesmo, en diferentes reunións mantidas en 2018 con membros da Dirección Xeral de Patrimonio en Santiago, Mariña Patrimonio e ADEGA expresaron a súa preocupación pola incomprensible desprotección deste e doutros bens patrimoniais da Mariña. Ambas asociacións valoran moi positivamente a receptividade do Concello de Cervo e do seu alcalde para procurar que este depósito de cerámica da Idade do Bronce se protexa adecuadamente. Ademais, destacan a rapidez coa que o Concello paralizou os movementos de terra que se estaban a realizar nas inmediacións deste depósito arqueolóxico durante a limpeza dunha finca.

ADEGA e Mariña Patrimonio agardan que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe coa mesma dilixencia, recollendo canto antes os restos arqueolóxicos diseminados polo lugar e que corrixa o posible erro do Servizo de Patrimonio de Lugo, que non catalogou este ben patrimonial do que teñen constancia dende o 2010.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo