" />

Medio Ambiente abre o cuarto canil da cidade na rúa Serra de Ancares

A cidade de Lugo conta dende hoxe cun novo espazo de esparexemento para mascotas, entre as rúas Serra de Ancares e Río Eo.

A alcaldesa, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos procedían esta mañá á apertura das instalacións nas que a administración local investiu preto de 50.000 euros, dentro das actuacións previstas no Plan de Barrios.

O recinto, de 780 m², dispón de dúas entradas, unha para cans grandes e outra para os pequenos e conta, ademais de con arboredo, setos e arbustos ornamentais, pensados para dar sombra e aportar cofortabilidade, con mobiliario urbano como bancos, papeleiras, fontes dobres, dispensadores de bolsas – guante e colectores de excrementos caninos.

“O obxectivo era acondicionar por completo esta nova zona verde e facela atractiva, non só para os seus principais destinatarios, os animais, senón tamén para as persoas que os acompañan de maneira que os coidados e a atención que lles dispensan a poidan levar a cabo nun lugar que resulte agradable para ambos e de forma respectuosa co resto da veciñanza”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora explicou tamén que, dado o carácter sostible que se lle quixo dar á intervención, tívose especial coidado en estudar as condicións ecolóxicas e de situación do emprazamento, “polo que se tiveron en conta factores como a orientación do predio, as temperaturas mínimas da estación, a insolación, ventos, exposición, etc… á hora de elixir as especies a plantar e os materiais máis axeitados para o mobiliario que se instalou co obxectivo de minimizar os custos de mantemento”.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente referiu que, tralo modelado e movemento de terras, o parque canino quedou completamente integrado no xardín que xa existía ao carón do Centro de Cualificación e Valoración de Discapacidades, así como na circulación do barrio no que se integra.

“Para ter en conta as necesidades dos distintos usuarios que vai ter, o canil propiamente dito atópase delimitado por un valo de seguridade o que permitirá a solta dos animais no seu interior, de xeito seguro e controlado. Ademais preveuse a separación dos mesmos, segundo o seu peso, en dous recintos diferentes e cada un deles está dotado cun circuito de Agility en madeira que inclúe pezas como un slalom de 6 paus, elementos de corda para o exercicio de salto, túneles, unha barreira de estrutura triangular e mesmo un balancín”, abondou Álvaro Santos.

“Cremos que este é un dos espazos de ocio máis versátiles da capital, que posibilita e favorece a convivencia con animais, nun entorno amable polo que convidamos a toda a cidadanía, especialmente a que ten mascotas como compañeiras, a estrealo, desfrutalo e coidar del”, concluíu o edil de Medio Ambiente.

Novas relacionadas

  1. Avatar
    Mónica Otero
    Dec 14, 2019 - 08:51 AM

    Caniles hai moitos … Non hai máis que ir polos espazos verdes de Lugo para comprobalo… imposible pisar sen sair cunha pasta nos pés

    Reply
  2. Avatar
    Mari Dominguez
    Dec 13, 2019 - 10:27 PM

    👏👏

    Reply
  3. Avatar
    Carlos Fernandez Peleteiro
    Dec 13, 2019 - 10:09 PM

    Esta ben,. É despois que o vai manter

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo