Medio Ambiente realiza desinfección intensiva na Milagrosa pola Covid-19

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo levou a cabo está mañá unha limpeza e desinfección intensiva do barrio da Milagrosa para colaborar no control do foco de coronavirus que nos últimos días se detectou na capital.

 O concelleiro Álvaro Santos informaba de que no operativo, baseado nos protocolos COVID que se veñen aplicando no municipio dende o inicio da pandemia, foron empregados medios técnicos e humanos cos que se reforzaron os labores habituais de aseo da cidade. Así, “sumáronse á brigada dous peóns máis, provistos de equipos de desinfección, xunto a unha varredora, unha baldeadora e unha hidrolimpadora de beirarrúas que, xa dende a primeira hora da xornada, se ocuparon de lavar e hixienizar tanto o pavimento como os diferentes elementos que compoñen o mobiliario urbano”, sinalou.

 O edil referiu que as pautas para executar estes traballos extraordinarios “baseáronse no protocolo deseñado polo servizo de Medio Ambiente na orixe da pandemia, que se manteñen de forma ordinaria dende ese momento e contemplan a utilización de maquinaria e produtos específicos eficaces contra o virus mais sen resultar lesivos para a saúde.  A intervención abrangueu a esterilización do firme, fachadas, paradas e marquesiñas do bus, colectores, papeleiras, varandas e resto de dotacións que se atopan na vía pública”.

 Santos Ramos incidiu, asemade, en que “independentemente desta e doutras medidas que se poidan poñer en marcha para frear os contaxios, convén que a cidadanía acate a restricións, siga sempre as indicacións das autoridades sanitarias e non se relaxe na adopción de hábitos de hixiene e protección individual”, concluíu o concelleiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com