" />

Medio Ambiente realizará 500 analíticas anuais para garantir a calidade da auga da traída

A área de Medio Ambiente trasladaba hoxe á Xunta de Goberno Local a aprobación dos pregos para o contrato de control da calidade da auga de consumo humano nos depósitos de almacenamento, na rede de distribución, na billa do usuario, nas fontes públicas que non están conectadas á traída e nas piscinas municipais.

As bases, elaboradas pola farmacéutica municipal, inclúen unha rigorosa e constante supervisión, conforme as estipulacións que marca a lexislación vixente, e que contempla a realización de numerosas probas periódicas en cada unha das instalacións referidas.

Así, a empresa que resulte adxudicataria deberá realizar un mínimo de 12 controis e 2 análises completas ao ano na saída dos depósitos do Ceao; 18 controis e 4 analíticas nos de Marcelle – que veñen determinados pola súa capacidade de almacenamento – e 43 controis e 4 análises completos no caso da rede de distribución.

En canto á supervisión que se realizará sobre a subministración que chega aos domicilios, dende Medio Ambiente estipulouse un total de 63 avaliacións, unha cifra moi superior ao mínimo que correspondería ao abastecemento de Lugo, en función da súa poboación e que sería de 46, coa fin de poder darlle cobertura a situacións puntuais que se poidan producir de forma extraordinaria se ben, como estas análises se facturarán por prezos unitarios, aquelas que non se realicen non serán abonadas.

Sobre as 75 fontes e mananciais non conectadas á traída, exercerase un control trimestral de cada unha delas nas que se terán en conta unha ducia de parámetros para obter unha referencia completa da situación na que se atopan, tendo obriga, ademais, a concesionaria de tomar mostras, recoller información sobre o estado dos accesos ás mesmas, a súa limpeza, etc… así como de elaborar dunha base de datos ao respecto e de vixiar e repoñer os carteis que facilite o Concello.

Con relación ás piscinas municipais, tívose en conta para o seu estudo o período de funcionamento dos vasos, xa que os tres exteriores de Frigsa só permanecen abertos en xullo e agosto mentres que os climatizados (dous en Frigsa e un nas Pedreiras) dan servizo once meses ao ano. En total se someterán a 45 análises, entre iniciais e periódicas, ademais das lecturas diarias que debe levar a cabo o persoal das instalacións, nas que da auga se vixiará o PH, a transparencia e turbiedade, o cloro libre e residual, etc… e do aire, a humidade relativa, a temperatura ambiente e o CO2.

A licitación, que se adxudicará mediante un procedemento aberto simplificado, sae a concurso por un período de dous anos, prorrogable por outros dous (1+1) e cun custo de 19.126’76€ (IVE non incluído) aínda que, na reunión desta mañá autorizábase tamén a consignación dunha partida de 3.645 euros, con cargo ao orzamento vixente para sufragalo, asumíndose o importe restante nos próximos presupostos.

Alén disto, entre a orde de asuntos abordados na reunión desta semana, aprobouse a concesión de cinco licenzas, tres delas para a instalación de ascensores. Un nun edificio da rúa Andoriñas, por importe de 52.586’68 euros; outro en Salvador de Madariaga, cun orzamento de 42.804’45€ e, o terceiro, na Praza do Ferrol, nun inmoble titularidade do Obispado de Lugo, por valor de 96.885’97€ así como outras dúas autorizacións para a legalización da ampliación dunha vivenda unifamiliar na parroquia de Coeses, cun presuposto de 11.088’32€ e as modificacións nunha obra en execución en San Roque, estimadas en 2.000 euros coas que se varía a planta baixa, o entresollado e tamén os planos de cuberta.

De igual xeito procedeuse á regularización da situación tributaria de cinco solicitudes urbanísticas que foron denegadas ou nas que desistiron polo que se procederá á devolución das taxas pagadas no seu día polos promotores e que ascenden, conxuntamente, a un total de 2.811’89 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno procedeu a desestimar as alegacións presentadas por unha funcionaria segundo o acordo adoptado o pasado 13 de novembro para removela do seu posto de traballo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo