" />

Medio millar de analíticas ao ano controlarán a calidade da auga da traída de Lugo

A área de Medio Ambiente adxudicará mañá, a través da Xunta de Goberno Local, o contrato para o control da calidade da auga de consumo humano nos depósitos de almacenamento, na rede de distribución, na billa do usuario, nas fontes públicas que non están conectadas á traída e nas piscinas municipais.

As bases, elaboradas pola farmacéutica municipal, inclúen unha rigorosa e constante supervisión, conforme as estipulacións que marca a lexislación vixente, e que contempla a realización de numerosas probas periódicas en cada unha das instalacións referidas.

O edil Álvaro Santos, sinalou que “a empresa adxudicataria realizará un mínimo de 12 controis e 2 análises completas ao ano na saída dos depósitos do Ceao; 18 controis e 4 analíticas nos de Marcelle – que veñen determinados pola súa capacidade de almacenamento – e 43 controis e 4 análises completos no caso da rede de distribución”.

En canto á supervisión que se realizará sobre a subministración que chega aos domicilios, dende Medio Ambiente estipuláronse un total de 63 avaliacións, “unha cifra moi superior ao mínimo que correspondería ao abastecemento de Lugo, en función da súa poboación e que sería de 46, coa fin de poder darlle cobertura a situacións puntuais que se poidan producir de forma extraordinaria se ben, como estas análises se facturarán por prezos unitarios, aquelas que non se realicen non serán abonadas”, aclarou o concelleiro.

Sobre as 75 fontes e mananciais non conectadas á traída, Santos Ramos explicou que “se exercerá un control trimestral de cada unha delas nas que se terán en conta unha ducia de parámetros para obter unha referencia completa da situación na que se atopan, tendo obriga, ademais, a concesionaria de tomar mostras, recoller información sobre o estado dos accesos ás mesmas, a súa limpeza, etc… así como de elaborar dunha base de datos ao respecto e de vixiar e repoñer os carteis que facilite o Concello”.

Con relación ás piscinas municipais, o responsable de Medio Ambiente indicou que se tivo en conta, para o seu estudo, o período de funcionamento dos vasos, xa que os tres exteriores de Frigsa só permanecen abertos en xullo e agosto mentres que os climatizados (dous en Frigsa e un nas Pedreiras) dan servizo once meses ao ano. “En total se someterán a 45 análises, entre iniciais e periódicas, ademais das lecturas diarias que debe levar a cabo o persoal das instalacións, nas que da auga se vixiará o PH, a transparencia e turbiedade, o cloro libre e residual, etc… e do aire, a humidade relativa, a temperatura ambiente e o CO2”, subliñou Álvaro Santos.

A licitación foi outorgada á empresa que presentou a oferta máis vantaxosa, Maricielo S.L., por un período de dous anos, prorrogable por outros dous (1+1) e cun custo, para a primeira anualidade, de 18.056’10€ (IVE incluído).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo