Méndez aborda co tecido asociativo o borrador da ordenanza da zona ORA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este luns un encontro co tecido asociativo da cidade co fin de darlle a coñecer o borrador da nova ordenanza reguladora de aparcamentos na vía pública, e abordar as súas propostas de cara a pechar un documento consensuado entre Concello e colectivos, que será o que se leve ao Pleno para o seu debate.

Trátase do primeiro encontro coas asociacións sobre a nova ordenanza, na que tomaron parte unha ducia de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), a Federación de Comercio, Lugo Centrum, Lugo Monumental, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a Unión de Asociacións Veciñais e Culturais (UNAVE) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

As principais novidades incluídas no borrador da nova ordenanza reguladora son as seguintes:

– Fíxase media hora gratis de estacionamento.

– Cambia o horario, de forma que o servizo ORA estará en actividade en días laborables, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00. Fóra destes días e horas, todos os espazos de estacionamento consideraranse de uso libre e gratuíto.

– En canto aos espazos da zona ORA, existirá unha única modalidade, é dicir, Espazos de Uso Xeral, nos que calquera usuario poderá estacionar o seu vehículo mediante a satisfacción da taxa correspondente durante un período máximo de dúas horas; espazo que será tamén o reservado para os residentes.

– Os vehículos diplomáticos deberán pagar polo estacionamento en zona ORA, quedando exentos como ata o momento da suspensión os vehículos de auto taxi que se atopen en servizo e o seu condutor estea presente; os vehículos en servizo oficial, externamente identificados e que sexan propiedade de organismos do Estado, comunidade autónoma ou administración local que estean directa e exclusivamente dedicados á prestación dos servizos públicos da súa competencia, e sempre que estean realizando ditos servizos; os vehículos destinados á asistencia sanitaria que estean realizando servizos de urxencia ou atención domiciliaria; os vehículos dedicados ao transporte de persoas con mobilidade reducida nos que se exhiba a autorización especial correspondente, e os vehículos de particulares autorizados polo organismo municipal competente no ámbito da mobilidade, que en horario laboral se destinen á realización de servizos da súa competencia.

Mantéñense os requisitos e o procedemento de tramitación para a obtención da tarxeta de residente.

Polo que respecta ao ámbito de aplicación da ORA, a reunión que mantivo hoxe Lara Méndez co tecido asociativo serviu precisamente para consensuar propostas de cara a elaborar un novo mapa de rúas con zona azul que se adapte á realidade do casco urbano. Para definilo, aplicaranse tres criterios fundamentais: as zonas de expansión comercial, a situación de edificios administrativos e as zonas de saturación de tráfico.

Logo da xuntanza de hoxe entre a Alcaldesa e as asociacións veciñais, de hostaleiros, comerciantes e empresarios, haberá novas reunións nos vindeiros días, tanto para avanzar no acordo sobre a normativa reguladora da ORA, como na ordenanza fiscal (que fixará as taxas polo estacionamento, bonificacións, exencións e sancións), así como as mellores técnicas do servizo, por exemplo, as vinculadas á aplicación das novas tecnoloxías para o pago das taxas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com