A Mesa de Ordenanzas decepciona á oposición

O Concello de Lugo celebrou hoxe unha xuntaza da Mesa de Traballo das Ordenanzas Fiscais na que, o goberno local, pretendía modificar estas ordenanzas co fin, entre outras cousas, de aprobar a exención do IBI de cinco centros de saúde á Xunta de Galicia como compensación ao investimento que o ente autonómico fará para equipar o novo auditorio. De todos os xeitos, a oposición viña anunciando xa dende uns días atrás a súa negativa a eximir á Xunta deste pagamento do Imposto de Bens Inmobles; agás o Grupo Municipal Popular que, incluso antes de entrar na Comisión aseguraron que facilitarían a equipación do novo auditorio.

Antonio Ameijide, voceiro popular, pese a apoiar esta proposta, advertía que esta colaboración, “que agora a alcaldesa de Lugo intenta vender como se fose un éxito, non deixa de ser un recoñecemento tácito do bloqueo intencionado a conta da política de enfrontamento que practican os socialistas coa Xunta”. Ademais, recriminou aos socialistas que o retraso na revisión das ordenanzas “moito nos tememos que volverán a condenar aos lucenses a pagar máis por servizos ou impostos que poderían reducirse”. Ameijide tamén criticou que non haxa nin un só avance na revisión do rueiro salientando que “é urxente a revisión das categorías fiscais das vías públicas do municipio que se utiliza como referencia e que está totalmente desfasado”.

Pola súa banda, a agrupación municipal Lugonovo cualificou de “tomadura de pelo” a convocatoria desta mesa. Segundo afirmou a súa voceira, Cristina Pérez Herráiz, esta comisión “organízase baixo o pretexto de resolver varios aspectos, relativos ás taxas municipais, que irían ao próximo Pleno cando o executivo só tiña intención de abordar o convenio do Auditorio. Un asunto que, en segundo lugar, xa chegaba cociñado, asinado e resolto de forma unilateral, ninguneando á oposición e chamándonos a ser convidados de pedra nunha xuntanza na que, por outra banda, nin se aportou un só documento que nos permitira afondar nos termos do acordo”. A voceira de Lugonovo tilda o acontecido de “falta de respecto”.

Tamén Carlos Portomeñe, voceiro do grupo mixto, ACE-EU, anuncióu que votará en contra deste convenio, pois, “a alcaldesa decidiu hipotecar as arcas municipais sen opoñer ningunha resistencia ao timo da estampita plantexado por Núñez Feijóo. Dende o momento en que o Presidente da Xunta lle fixo esa proposta, Lara Méndez soubo que contaba coa disposición de tódolos grupos municipais para presionar en contra deste arranxo no que Lugo sae a perder 600.000 euros anuais, pero preferiu dende o primeiro momento poñerse do lado de Feijóo antes que defender os intereses dos lucenses”, sinala Portomeñe. “Está claro que nos asuntos clave para o futuro da cidade o PSOE está aliñado co PP en contra do criterio social e da salvagarda dos recursos municipais, aos que están dispostos a renunciar en aras dos réditos electorais”.

Na mesma liña de alianza PP-PSOE falaba Rubén Arroxo quen asegurou que, este “pacto consolidouse para que sexan os lucenses quen paguen o auditorio dúas veces”. O voceiro do BNG-AA reitorou o posicionamento da forza política que representa e lembrou o BNG se opoñerá, no Pleno da Corporación, á exención do IBI á Xunta.

 

Outros asuntos

Asemade, outro dos temas que o Concello quixo propoñer nesta mesa foi modificar a norma reguladora das taxas polas prestación do Servizo de Comida no Fogar co fin de “eximir do copagamento nos casos en que o motivo que
orixina esta prestación sexa unha problemática de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil, circunstancia que deberá ser debidamente xustificada no correspondente informe social”. Así o explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen enmarcou esta proposta “no compromiso do Goberno coas políticas sociais para que ninguén se quede atrás”; de feito o Concello de Lugo “é o primeiro concello de Galicia en investimento social e o cuarto de toda España”. Os prezos van de 1 a 4,7€ por comida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com