Mondoñedo licitará as obras de ampliación en Coto de Otero

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ven de remitirlle ao Concello de Mondoñedo o informe favorable ás obras de ampliación en Coto de Otero, o que conleva a posta en marcha da licitación das obras. Con este paso o Concello tramita xa a dispoñibilidade de terreos, un acordo que aprobou o Pleno por unanimidade.

O Concello de Mondoñedo solicitoulle á Xunta o pasado mes de marzo a autorización das obras de ampliación dunha vía de titularidade municipal no lugar de Coto de Otero, na parroquia de Nosa Señora do Carme. Tal e como explicaba o Goberno local no informe enviado á Xunta, as obras teñen por obxecto mellorar unha infraestrutura viaria de titularidade municipal, en concreto, a que vai da estrada LU-124 cara o barrio de Couto de Otero e que constitúe a vía máis directa que comunica o núcleo urbano de Mondoñedo coa parroquia de Lindín.

Determinados treitos da vía presentan anchos moi reducidos e limitados entre os muros de peche e de contención existentes, polo que se proxecta ancheala ao tempo que se adapta á aliñación que marca o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O planeamento contempla a ampliación do camiño por ambas as marxes ata o comezo do solo rústico. As obras solicitadas sitúanse dentro da delimitación do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte, polo que cómpre da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Na autorización indican que o ancheamento da vía resulta imprescindible para proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional como é a saída dunha vía de alta capacidade (A-8).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com