Mondoñedo ofrece cinco mochilas vibratorias a persoas xordas durante o Festival Intercéltico de As San Lucas

O Concello de Mondoñedo recibirá cinco mochilas vibratorias para o Festival Intercéltico que se celebrará o vindeiro
sábado 19 de outubro no marco de As San Lucas 2019. Así o explicou a tenente de alcalde mindoniense, Ángeles Rodríguez, durante a presentación da cita en Soutomaior (Pontevedra) a onde se desprazou hoxe xunto a Miguel Souto, presidente da Asociación As San Lucas, para dar a coñecer “as feiras e festas máis antigas de Galicia” que se celebrarán na cidade entre este xoves 17 e o domingo 20 de outubro.

Esta celebración conta no seu programa con diversas actividades: ademais da tradicional feira e concurso de gando, haberá doma nocturna, teatro, humor, encontro folclórico e o nomeado festival intercéltico, entre outras actuacións musicais.

Rodríguez aproveitou para agradecer a acollida por parte do Concello de Soutomaior e tamén a colaboración doutro Concello da comarca de Vigo, o de Nigrán, que presta as mochilas vibratorias que permiten a eliminación das barreiras físicas e sensoriais. “As persoas xordas poderán, dalgún xeito, “sentir” os concertos programados na Praza da Catedral; pois esta tecnoloxía transforma o son en vibracións”, sinalou a edil mindoniense que explicou que “as mochilas poden ir cargadas ás costas ou no peito e permiten que o usuario se poida desprazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas”.

Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas -implante coclear e/ou audífono- non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. Estes dispositivos foron empregados por vez primeira en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e Nigrán é o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto.

As persoas interesadas en empregar estas mochilas deben solicitalas a través dun correo electrónico –que inclúa o nome e o número de DNI- dirixido a comunicacion@nigran.org.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo