Monterroso contará con instalacións públicas para dependentes asistidos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, avanzou este xoves que o organismo provincial financiará con 250.000 euros a rehabilitación do inmoble anexo á residencia e ao centro de día públicos, situados na rúa Asociación Sociocultural Falcatrueiros, para prestar atención a dependentes asistidos, tamén con carácter público.

O conxunto destas 3 dotacións sociais integrarán o Fogar Residencial de Monterroso, que ofrecerá servizo a un mínimo de 45 maiores con autonomía ou dependentes (7/8 na nova instalación para dependentes asistidos, 19 na residencia e 20 no centro de día). Ademais, dará emprego a polo menos 15 persoas, das que 8 xa están a traballar na residencia e centro de día atendendo a 33 usuarios.

Gómez Besteiro salientou que “este novo investimento é unha clara aposta polos servizos sociais públicos”. O Presidente lembrou que a Deputación ten varias “liñas abertas” en materia de servizos sociais, como a rede pública de residencias e centros de día, que está a construír por toda a provincia, “unha aposta directa polo público, xunto con outra aposta polo público que facemos a través dos Concellos”.

Besteiro destacou que isto é mostra de que “dende o público pódense afrontar as necesidades que ten a poboación e, ademais, xerar emprego, coma no caso de Monterroso, onde estas novas instalacións permitirán que outras 15 persoas poidan ter un posto de traballo”.

Pola súa banda, Antonio Gato destacou a importancia da colaboración do organismo provincial, “grazas á cal Concellos pequenos do rural podemos sacar adiante servizos importantes coma este”, deixando patente que “somos capaces de ofrecer atención tan especializada como a que damos coa residencia ou co centro de día, dos que nos sentimos moi orgullosos, malia os intentos de eliminar ditas competencias coa reforma da Lei de Réxime Local”.

Esta nova colaboración, súmase á axuda de 200.000 euros da Deputación para a residencia pública de Monterroso. Concretamente, investiu 75.000 euros na construción da segunda pranta e 120.000 euros na adquisición do equipamento. O organismo provincial fixo esta achega en resposta á petición do Concello e logo de que a Xunta de Galicia rexeitase colaborar co municipio monterrosino.

A posta en marcha da residencia pública de Monterroso foi posible grazas a: unha axuda de 442.000 euros do anterior Goberno Central a traveso do Plan E, orzamento que se dedicou á construción do complexo; outra de 200.000 euros da Deputación para o remate das obras e a compra do equipamento; e do importante esforzo inversor do Concello, que xestiona directamente este servizo público, garantindo o seu acceso, ao fixar prezos para as prazas dun mínimo de 400 euros e ata un máximo de 800 euros.

Actualmente o Concello segue á espera de que a Xunta lle conceda os permisos legais necesarios para poder abrir a segunda pranta da residencia, ofrecer outras 6 prazas e contratar a novo persoal para a súa atención. Entretanto, hai 13 usuarios e 4 contratados.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com