Muimenta será a capital dos xogos tradicionais co XI Xotramu

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou hoxe na presentación da XI Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta xunto aos membros da Asociación de XOTRAMU, José Lombardero e Rosa Morán, nos Xardíns da Deputación. Trátase da única festa en Galicia dedicada a este tipo de xogos que terá lugar o domingo 2 de xuño no Campo da Igrexa Vella da Muimenta no Concello de Cospeito. A Deputación colabora coa promoción deste evento cultural e turístico achegando case 1.200 euros.

Vidal Baamonde destacou que “trátase dunha xornada na que dar a coñecer as costumes e etnografía non só da provincia senón do país, e coa que promovemos o estudo e conservación de xogos tradicionais propios da nosa cultura. É tamén unha oportunidade única para promover turisticamente a zona e dinamizar a economía local”.

O vindeiro domingo, Muimenta converterase nun gran escenario de xogos tradicionais desde as 15:00 horas ata as 20:00. Haberá exhibicións dun cento de xogos tradicionais como son a billarda, os birlos ou tirapedras. Organizarase tamén unha xincana de xogos populares e un campionato de bolos. Os máis cativos poderán desfrutar de xogos tan populares como as carreiras de sacos, o brilé, o aro, a comba, as catro esquinas ou agocho entre outros moitos.

O encontro contará con varios obradoiros nos que aprender a construír xogos con, por exemplo, cortizas. Ademais, o músico e artesán de Carballo, Pablo Carpinteiro, realizará demostracións de instrumentos musicais tradicionais de Galicia. Esta xornada de ocio vai dirixida a familias, cativos e demais persoas interesadas en coñecer e revivir estes antigos xogos da infancia. Todas estas actividades serán de balde.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com