Multitudinaria presentación da candidatura de Vilalba Aberta

Vilalba Aberta arrincou este sábado a precampaña das Municipais cun multitudinario acto de Presentación de Candidatura na Praza da Constitución. Baixo un novidoso formato de festa/mitin, a número dous da candidatura, María Xosé Fernández; os números 6 e 5, María Pérez e Carlos Currás, e o Candidato á Alcaldía da formación,  Modesto Renda, chamaron unión da veciñanza en torno a ideas de sentido común, independentemente do que votaran no pasado.

“Baixo esa premisa naceu Vilalba Aberta, baixo esa premisa aspiramos alcanzar Goberno Municipal, e baixo esa premisa nos diriximos hoxe aos veciños de vila e parroquias, para dicirlles, alto, claro e co corazón na man, que queremos construír un futuro con eles e con elas.” Remarcou Modesto Renda, baixo os aplausos da veciñanza congregada. Neste sentido, e sen mencionar a ningún partido da oposición, os representantes de Vilalba Aberta lembraron que “só hai unha maneira de traer o cambio, isto é; a través do voto e dunha grande mobilización da veciñanza que nas sucesivas Eleccións Municipais sentía que ningunha forza política a representaba, pasando a engrosar as filas da abstención”, porque “as urnas cheas significarán futuro, evolución e esperanza” e en contraposición a unha abstención, á que definiron coma “a mellor aliada de que nada cambie e de que todo siga igual.”

Na súa quenda de intervención, o número 5 da formación, Carlos Currás, fixo fincapé na necesidade dun novo modelo urbanístico, centrado nas persoas e que deixe atrás 40 anos de especulación e de perda de valor patrimonial. A este respecto, reivindicou un aproveitamento máis eficaz dos recursos achegados polos plans de vivenda e o decidido impulso dun Plan Xeral de Ordenación, que ao xuízo de Vilalba Aberta “chegará moitos anos tarde”.

Outra das novas incorporacións da formación, María Pérez, foi a encargada de continuar, baseando o seu discurso nas propostas de Vilalba Aberta para a mocidade e parándose especialmente no aplaudido Plan Municipal para o Retorno da Mocidade. Unha iniciativa, dirixida a facilitar o regreso da mocidade vilalbesa que reside e traballa no exterior e que, a formación presentou hai aproximadamente un mes coma unha das súas propostas referencia. A este respecto, a número 6 da formación lembrou o compromiso de Vilalba Aberta coa idea de facer do Concello de Vilalba un municipio moderno, en igualdade e diverso, pola vía da creación do Observatorio Municipal da Igualdade e do Consello Municipal de Liberdade Afectivo Sexual, como órganos de debate e proposta, ademais de recalcar as principais medidas do do Programa marco da formación, para facer de Vilalba un referente en materia de convivencia e protección animal.

A número 2 da formación, María Xosé Fernández, fixo un percorrido polo traballo político da formación ao longo destes últimos 4 anos. “Unha lexislatura na que levamos a cabo unha labor de oposición responsable, seria e en positivo” e na que, semana a semana, “presentabamos iniciativas innovadoras, perfectamente aplicables e por enriba de todo xustas; pero que se quedaron no caixón, logo de se atopar co boicot sistemático e paralizante do Goberno do Partido Popular.”

“Máis de 100 iniciativas, das cales o 72% tiña que ver directa, ou indirectamente coas parroquias”, remarcou. Unha aplaudida intervención, que precedeu á do voceiro e Candidato á Alcaldía da Formación, Modesto Renda, e que  rematou de erguer aos veciños asistentes, asegurando que “foi unha absoluta honra representarvos dende a oposición durante estes últimos catro anos. E será, unha absoluta honra, facelo, se así o considerades, coma o Alcalde de todos os vilalbeses e as vilalbesas, sen excepción, a partires do vindeiro 26 de Maio.”

A este respecto, O Candidato de Vilalba Aberta quixo dirixir o conxunto das súas declaracións “á atención dos vilalbeses e ás vilalbesas que, a día de hoxe, teñen decidido que non van votar a Vilalba Aberta” para transmitirlles que “aspiro ser o Alcalde dun Concello que trate por igual aos que pensan diferente e aos que comparten as súas políticas e que se preocupe por tender pontes onde outros as voaron“.

“Voume esforzar ata o último día de campaña para tentar gañar a súa confianza, pero se non o consigo, dende aquí lles prometo que, de contar co apoio maioritario dos vilalbeses, me deixarei a pel en procurar consensos, aínda que iso supoña avanzar máis despacio, porque estou convencido de que redundará non só, na estabilidade política do noso concello, se non que fará que cada paso dado sexa xa un paso irreversible, que non deixe a ninguén atrás.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo