Museo e Parador son posibles

A Xunta de Galicia presentou un proxecto integral para o impulso do turismo cultural en Lugo, unha iniciativa que busca facer xustiza a unha cidade orgullosa do seu pasado, pero tamén convencida do seu futuro. Sobre todo, da capacidade que o seu patrimonio, gastronomía e cultura teñen á hora de atraer novos visitantes, xerar máis emprego e maior actividade económica e comercial.

Hai quen nas últimas semanas se esforza por confundir a iniciativa liderada pola Xunta, presentándoa como se se tratase de escoller entre propostas excluíntes. Nada máis lonxe da realidade. Por que Lugo non pode ter un museo da romanización e tamén un parador de turismo? Se podemos ter as dúas cousas, por que renunciar a unha delas?

A Xunta de Galicia aposta pola creación do museo da romanización en Lugo, quen diga o contrario minte. Un museo en rede que porá en valor o legado do seu rico patrimonio arquitectónico e arqueolóxico. E farémolo ademais recuperando unha infraestrutura infrautilizada, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl), que funcionará integrado coa área musealizada do futuro parador e vinculado a outros elementos da pegada romana como Santa Eulalia de Bóveda ou a Domus do Mitreo.

Queremos converter a cidade de Lugo nun museo ao aire libre, unha iniciativa realista e posible para unha cidade que presume de ter tres patrimonios da Humanidade (e aspira a un cuarto). Que veciños e visitantes poidan chegar ao parador, camiñar polo casco histórico, mercar nos comercios, e que se despracen entre os distintos puntos e museos, a poucos minutos a pé, para gozar co moito que Lugo pode ofrecer.

Queremos tamén rehabilitar bens senlleiros como o Cuartel de San Fernando, o Pazo Dona Urraca ou a Casa-Torre, pero non para que sirvan de meros contedores, senón revitalizalos con novos usos como a segunda sede do Centro Galego de Arte Contemporánea, a oficina de turismo ou o centro de enogastronomía.

Non é unha proposta improvisada. Está avalada co compromiso orzamentario da Xunta que achegará o 50% do custe e co informe dunha consultora que cifra un impacto económico estimado no primeiro ano de 1,6M€ para o novo parador-museo, ademais das vantaxes de contar cun establecemento público e de prestixio que contribuirá a dinamización económica da cidade.

O debate non é museo ou parador. Por que renunciar a conseguir as dúas cousas? Lugo merece proxectos ambiciosos á altura do moito e bo que pode ofrecer.


Texto: José Manuel Balseiro Orol .-Delegado Territorial da Xunta en Lugo

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Luis Díaz
    Dec 19, 2019 - 09:03 PM

    E a qué ben esa prisa do PP agora por montarnos un Parador cando estamos a piques de que se abran novos hoteis .

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com