Un Museo Romántico para Lugo

O aparcamento da rúa Anxel Fole, ten problemas co Concello, que poden lévalo ao peche, por non ter licencia para funcionar, a pesar de levar moito tempo funcionando. Pero chama máis a atención que teña problemas o Museo Romántico que o historiador Adolfo de Abel pretende abrir no fondo da Praza do Campo, no edificio número 9 da rúa do Miño; no coñecido como Pazo das Pombas.

O escritor pediu autorización ao Concello de Lugo para crear un Museo con sala de exposicións e cafetería. E xa que  unha iniciativa particular non recibe axudas, e só dispón das súas forzas, montou o que puido do Museo e abriu a cafetería como mínimo aporte económico ao singular proxecto. Pero no concello non obtén licencia, porque pediu autorización para un todo –museo/sala/cafetería- e ao ter só parte do museo e cafetería, resulta non ser autorizable.

Parece incrible que a administración que fisicamente está máis preto dos cidadáns non sexa capaz – inxenio, decisión política, man esquerda, interese polas cousas interesantes- de buscar e atopar solución para unha incongruencia así, non prevista na Lei porque as leis abordan problemas xerais; que precisa unha interpretación intelixente da Lei, e na que todos os grupos políticos terán que estar de acordo porque un Museo privado en Lugo é unha singular aportación á cultura e á sociedade que parece incrible que se lle aplique a mesma norma que a unha industria molesta, insalubre, nociva e perigosa.

E seica a cafetería en solitario non é autorizable por estar nunha zona saturada. Claro, por iso se lle chama a esta zona a “zona dos viños”, bautizada polos lucenses que a frecuentamos, como supoño que ocorre na inmensa maioría da cidade lucense. E ademais, o edificio –con historia que merece mención á parte- esta na zona que antes se chamou “alegre” da cidade (mesmo ao inicio do antigo Barrio Chino), e agora os poderes públicos pretenden rescatar e normalizar, dándolle actividade e procurando para ela novos habitantes para que deixe de ser un gheto.

Entendo que a norma xeral non entenda o que é un museo con sala de exposicións e cafetería… porque a case ninguén se lle pode ocorrer afrontar unha aventura así. Contemplen as excepcións, estudien o tema intelixentemente, e dean solución ao que a Lei non puido prever pero vinte cinco concelleiros, de tódalas cores do espectro político, seguro que poden atopar unha solución intelixente para este problema.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com