O barrio da Residencia continúa na loita porque as administracións revivan o complexo onde se situaba o Vello Xeral. Moitas son as promesas que levan escoitado os veciños da zona pero, o certo é, que as obras non empezan. Por esta razón, e co ánimo de seguir pelexando para que lles fagan caso, a veciñanza vén de crear unha Plataforma Veciñal para “loitar polo noso barrio, despois de ver o que está ocorrindo co Concello e a Xunta”.
A plataforma asegura que levan tempo presenciando as batallas entre os partidos políticos e “a realidade é que non se fai nada polo barrio”, e aclaran que con esta unión de veciños buscan darlle visibilidade ao “problema real do barrio” e que todos os veciños se sintan representados”.