A neve impide o acceso ás escolas a máis de 400 estudantes

A presenza de neve nas estradas impediu esta mañá a asistencia aos centros educativos dun total de 426 escolares da provincia de Lugo (dos cales 311 son usuarios de transporte escolar e o resto trasládanse por medios propios), segundo os datos recollidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Polo que respecta ás rutas de transporte escolar, rexistráronse 54 itinerarios totalmente afectados e 18 só parcialmente.

Víronse afectados 15 centros educativos, se ben só foi preciso suspender as clases nos da Fonsagrada, tanto no CEIP Santa María como no IES Fontem Albei. Na Montaña rexistráronse incidencias tamén no CPI de Navia de Suarna, no CEIP Concepción López Rey de Baleira, o CEIP Luís Díaz Moreno de Baralla, en Becerreá o CEIP San Xoán e o IES de Becerreá, o CPI de Cervantes, o CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, o CEIP das Nogais, o CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e o CEIP de Samos. Na zona centro o colexio máis afectado foi o CPI de Castroverde, ao que non puideron chegar 54 alumnos.

A Deputación traballa na Rede Viaria Provincial

Máis de 60 operarios e 25 máquinas traballan dende a pasada noite a pleno rendemento para limpar de neve e xeo a rede viaria provincial, especialmente na Montaña lucense onde a acumulación de neve superou os 10 centímetros. Arestora, atópanse cortadas as estradas dos Concellos da Fonsagrada, Cervantes e Negueira de Muñiz, pois son os municipios máis afectados pola neve que continúa a caer.

O Executivo Provincial deu parte tamén á Garda Civil ao atoparse vehículos abandonados nas estradas, o que dificultou o acceso do Dispositivo da Deputación. Espérase que durante a xornada de hoxe; así como durante os vindeiros días, a situación meteorolóxica empeore, chegando a a nevar en cotas de 300 metros. É por iso polo que o Goberno da Deputación manterá despregado o 100% dos medios humanos e técnicos do dispositivo, podendo incluso reforzalo, para limpar, na medida do posible, as estradas de neve e xeo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com