" />

Non queremos ser unha sucursal da Coruña

A Federación de Asociacións de Veciños “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo mantivo unha reunión o pasado 15 de febreiro de 2021, con representantes sindicais de S.U.P. –Sindicato Unificado de Policía- e U.F.P. –Unión Federal de Policía- no exterior da Comisaría provincial de Policía Nacional de Lugo.

Desde a Federación de Asociacións de Veciños “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo –que actualmente contamos con 300 asociacións e 20.000 socios- conxuntamente coa plataforma Galicia Baleira –que aúna as Federacións provinciais de Lugo e Ourense, e conta con 400 asociacións e 30.000 socios- denunciamos a perda do servizo de atención policial 091 en Lugo, e co mesmo, a perda irremediable de inmediatez e eficacia na resposta policial de atención á vítima.

A centralización do servizo 091 na Coruña, deriva na perda incuestionable de minutos crave na atención ao cidadán que se atopa en situación de perigo. Dita atención debe prestala un axente que coñeza adecuadamente a localización xeográfica desde onde recibe a chamada, e esta circunstancia, crucial na adecuada resposta, tamén se perde coa centralización do servizo.

Doutra banda, cabe engadir que a solución para dispoñer de máis efectivos policiais na rúa só chegará cubrindo as vacantes existentes, que no caso de Lugo ascenden a 15 na actualidade. Ademais, os axentes de máis de 50 anos, que non realizan servizo de rúa, poderían, perfectamente atender o servizo de 091, coñecendo de primeira man a localización desde a cal reciben a petición de axuda.

Cabe destacar, tamén, a ampla extensión da zona rural do municipio e provincia de Lugo, o cal dificultaría de modo crucial a identificación da zona desde a cal é requirida a atención por parte do cidadán, xa que a chamada sería inicialmente atendida por un axente desde outra provincia, o que redundaría nunha perda decisiva e irremediable de tempo de resposta e eficacia policiais.

Denunciamos, así mesmo, a idéntica situación no caso da provincia de Ourense, creándose un inevitable agravio comparativo entre as provincias do interior de Galicia e as de costa. A centralización do servizo na nosa Comunidade Autónoma carece de sentido práctico, do mesmo xeito que sucedería de centralizarse a nivel nacional. Reclamamos precisamente o contrario: a proximidade dos servizos ao cidadán.

Por tanto, desde a Federación de Asociacións de Veciños “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, así como a plataforma Galicia Baleira, denunciamos e rexeitamos rotundamente a centralización do servizo de atención policial 091 de Lugo na Coruña, por supoñer unha perda de crucial importancia na atención ao cidadán da provincia lucense e converternos nunha sucursal doutra provincia.

Noutra orde de cousas, desde a Federación de Asociacións de Veciños “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, solicitamos tamén a creación da Unidade de Prevención e Reacción, O. P. R., da Policía Nacional na nosa Comisaría provincial de Lugo.

Na actualidade, a nosa provincia vese claramente discriminada a este respecto, xa que dita Unidade, O. P. R., é requirida en situacións de especial afluencia de público, e cabe lembrar que a provincia de Lugo conta con importantes eventos destas características, tales como o Arde Lucus, festas de San Froilán, Festival Caudal Fest, así como encontros deportivos dun equipo de fútbol en 2a Divisón A.

Ademais, o municipio da capital lucense conta con 330 km2 – 260km2 máis que Ourense, e 20.000 habitantes máis esta provincia que aquela-, e é, actualmente, a única das capitais de provincia de Galicia en non dispoñer desta unidade. Solicitamos, por tanto, a súa creación. Non podemos esquecernos tampouco, de que en Lugo seguimos á espera dunha nova Comisaría provincial de Policía Nacional. Solicitamos, neste sentido, ao Goberno, a dotación de fondos para este fin.


Texto: Comisión Ejecutiva Federación de Asociaciones de Vecinos “Lucus Augusti” de la provincia de Lugo e Comisión Ejecutiva Plataforma Galicia Baleira

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo