" />

Non se implantará no Hula a hemodinámica 24 horas

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, ven de comunicarnos a todas as luguesas e lugueses que a hemodinámica vaise quedar como está. O servizo seguirá sendo de 8 horas. Iso si, tivo a deferencia de achegarse ata Lugo para transmitírnolo persoalmente, o que hai que agradecerlle.

Así que xa saben, se teñen a mala sorte de ter un infarto, a ver se polo menos este se produce dentro das horas que está aberto o servizo, pois se lles sucede fóra desas oito horas ou nalgún lugar da provincia que estea lonxe de A Coruña, que é a onde o levarán, as posibilidades de supervivencia vanse acurtar moito.

Todo isto podería pensarse que é unha broma de mal gusto se non fora porque se está a falar de vidas  humanas e con iso non se pode xogar.

Calquera médico sabe que se se produce un infarto o tempo xoga un papel fundamental. Estoutro día o Dr. Juanatey deixouno ben claro na conferencia que ofreceu en Lugo. A mortalidade aumenta nos traslados e o tempo é fundamental na supervivencia dun infartado.

E dirán vostedes, se isto é así, como é posible que a Sra. Conselleira de Sanidade, médica de profesión, puido aseverar no HULA que con ter aberto oito horas a hemodinámica é suficiente. Condena aos habitantes da provincia de Lugo a unha especie de apartheid sanitario.

Pois voulles dicir, non sei se a Sra. Conselleira manda ou non nos centros do seu departamento, pero o que si lles podo asegurar é que nalgún médico e servizo sanitario de A Coruña non.

E o máis chocante de todo é que a implantación do servizo 24 horas cubriríase contratando dúas quendas máis de profesionais. Non parece un prezo moi alto en comparanza co servizo que se pode prestar e coas vidas que se poden salvar.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo