Desde o meu retiro estival, cito de memoria a Cunqueiro. Comezaban os anos sesenta, cando o Camiño Francés a Compostela era só unha lembranza e aínda o seu resucitador, Victor Portomeñe, con vintetantos anos, andaba por Chantada labrándose o prestixio de avogado con futuro.
Cunqueiro percorría o Camiño tentando detectar sinais vitais de peregrinación, e preguntoulle a unha señora do Cebreiro: Por aquí, pasan peregrinos?… A resposta foi lapidaria: Ai, si señor, que o pasado ano viñeron dous!.
Desde a miña fiestra en Rio Navia, vexo ofensivo tramo de carril-bici, froito dun soño da razón – desvarío municipal – que contemplo cando os ollos cansan de mirar papeis, o que debera permitirme dicir, seguindo a Cunqueiro, que o carril está vivo, porque lembro o paso dun ciclista, pero faltaría á verdade, pois ningún lembro nos ultimos tempos.
As bicis, que nunca existiron, están deixando o paso aos patinetes que, por riba de normas, dominan a circulación e gozan dunha liberdade que non sabe de canles, direccións nin reglas de adiantamento. O agravio na miña rúa segue: elimináronse dúas ducias de aparcamentos, mantense un “carga e descarga” sen nada que descargar, e os veciños sentímonos a diario insultados na intelixencia e na paciencia.
Que Elena Candia estude eliminar tramos do carril bici é unha boa noticia, sinal de realidade e sentidiño. Non pedimos a devolución dos aparcamentos, pero si poder parar para unha urxencia. Ás veces, gustaríanos ver bicis… pero non. Temos a sensación de que están en extinción e, de cando en cando, gustaríanos ver algunha, para cederlles o paso cando xa non haxa un insultante carril.


