Nova suba de casos na provincia que chega a niveis de principios de marzo tras detectarse 47 positivos novos en 24 horas

Lugo continúa imparable a suba de casos covid case dúas semanas despois de que o Goberno levantara a obriga do uso de máscaras en espazos ao aire libre. Se ben esta medida, en principio, non é a causante desta suba, si puido colaborar á transmisión do virus nos grandes gromos que se están dando na provincia, principalmente en Sarria e na capital. 

En cifras, segundo informa o SERGAS nos últimos datos publicados, recollidos ata as 6 da tarde de onte, son xa 352 os casos activos na provincia. Témonos que remontar a primeiros de marzo para ver as mesmas infeccións activas. 

Este baremo que subiu, especialmente, nos últimos dous días, vén dado pola gran cantidade de positivos que se están detectando, e que tamén aumentou de xeito importante nas últimas xornadas. Así, o SERGAS cifra en 47 os positivos detectados no día de onte, algo que non se daba na provincia dende o 10 de febreiro, en plena terceira vaga. 

No tocante ás altas médicas, seguen estancadas nas 8 diarias. Unha cifra que non contrarresta coa forza suficiente a cantidade de positivos en covid. 

Por último, neste repaso aos valores da covid na provincia, temos que falar da presión asistencial que, malia que se mantén en cifras semellantes ás de días anteriores experimenta hoxe unha mínima suba. Así, o HULA conta en planta con 3 pacientes covid, un máis que na xornada anterior, mentres que na UCI permanece un caso. Doutra banda, o Hospital da Costa rexistra un ingresado por coronavirus en planta de hospitalización. 

E é, precisamente, na capital da provincia onde máis aumentou onte a incidencia a sete e catorce días. Así Lugo presenta hoxe unha incidencia a catorce días de 132 casos detectados, fronte os 118 que presentaba onte. E é que Sanidade vén de detectar un novo gromo na capital que tamén se centra na mocidade; sen dúbida, o colectivo máis afectado por esta quinta vaga. Neste gromo, polo momento detectáronse unha decena de positivos que, segundo Sanidade, podería arroxar novos casos. O gromo está ligado á apertura do ocio nocturno, pois a maioría de contaxios se tería producido durante a pasada fin de semana entre os clientes de dous locais do centro da cidade. Sanidade xa pediu aos propietarios dos establecementos as listaxes de clientes e iniciou xa un cribado en todos eles.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com