Novas

A policía local evita que un rapaz de 20 anos se precipite da muralla

Esta madrugada unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acudiu á Porta de Bispo Odoario xa que ao parecer unha persoa atopábase ao bordo dun dos cubos da Muralla, con risco de precipitarse.

Os axentes compareceron de inmediato, observando que o mozo, do 20 anos, está sentado sobre o muro de pedra, polo que os policías trataron de tranquilizalo. Nun momento dado lograron suxeitalo e retiralo do muro, sendo auxiliado.

Os axentes  acompañaron ao rapaz ao interior da ambulancia que o trasladou ao HULA, onde quedou ingresado.

A CIG denuncia que o delegado da Xunta entorpeceu a protesta de hoxe das traballadoras da limpeza

A CIG denuncia a actitude do delegado da Xunta en Lugo ante as protestas das traballadoras da limpeza que tiveron lugar esta mañá.

Estas mulleres instalaron unha caravana reivindicativa diante da explanada do edificio multiusos da Xunta “co obxectivo de darlle visibilidade á súa loita e reclamar a intervención da administración autonómica”, sinala o sindicato. A pesar de contar cos permisos pertinentes para levar a cabo a protesta -que comezou sen ningún incidente-, denuncian que unhas horas despois a policía autonómica pedíalles a retirada do vehículo da praza na que estaba.

Segundo a CIG, a praza da que tiveron que retirar o vehículo era de uso exclusivo para o delegado territorial da Xunta. “Dá a impresión de que a Javier Arias lle molestaba ver ás traballadoras da limpeza facendo uso da súa praza para reivindicar algo tan xusto como un salario digno. Parece evidente que lle causa molestia a loita destas compañeiras”, critica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos. Dende o sindicato tamén lamentan que se chegara a recorrer á policía autonómica para trasladar a caravana “cando este corpo non ten competencias sobre tráfico”.

A representante sindical subliña que a caravana non molestaba a ninguén e que o edificio conta con aparcamento soterrado con prazas reservadas para o persoal da Xunta.

Para Castiñeira esta decisión é consecuente coa postura mantida até agora pola Xunta neste conflito, “obviando a responsabilidade da administración galega a pesar de ser a principal contratista das empresas da limpeza que integran a patronal estatal ASPEL”.

Rexeitamento á ampliación dos servizos mínimos

Doutra banda, a CIG tamén lamentaba nun comunicado as declaracións realizadas este martes pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciando que se van ampliar os servizos mínimos nalgúns colexios. A central considera que son suficientes e non cabe estabelecer unha actividade maior xa que se estaría vulnerando o dereito á folga das traballadoras. “Menos aínda cando, á vista da actitude patronal, esta é a única ferramenta que lles queda ás traballadoras para conseguir unhas condicións de dignidade”, aseguran.

Incrementar os servizos mínimos, matiza Castiñeira, axudaría ademais a deixar sen efecto a folga, boicoteando así a loita que as traballadoras están sostendo dende hai máis dun mes. “A situación na que se atopan os colexios e o resto de dependencias públicas e privadas é consecuencia da falta de vontade da patronal de chegar a un acordo”, afirmou Castiñeira.

“Ás portas do 25 de Novembro de nada valen as grandilocuentes declaracións institucionais se despois se consinte que as empresas con beneficios millonarios manteñan na total precariedade ás traballadoras. Porque ter un convenio por debaixo do SMI tamén é violencia contra as mulleres”, rematou o sindicato nun comunicado.

O BNG de Castroverde leva a pleno unha proposta para mellorar a accesibilidade ao Castelo de Castroverde

O BNG de Castroverde presentará dúas mocións no vindeiro pleno do mes de novembro. Unha delas pedirá a mellora na accesibilidade ao Castelo de Castroverde, e a outra solicitará o incremento das partidas destinadas as subvencións para entidades culturais e deportivas para os orzamentos do 2024.

“A mellora da sinalización, do alumeado e o acondicionamento do acceso ao Castelo serviría para de por en valor esta fortaleza que representa o poder que Castroverde tivo durante o século XIV” explica Iria Castro, voceira do grupo municipal.

A outra moción que se presentará fai referencia á mellora por parte do concello das subvencións que se lles outorgan a aquelas entidades deportivas e culturais que “fan un traballo inxente coa rapazada e tamén espallando a nosa cultura e que precisan de recursos para ese traballo” afirma Castro.

O BNG de Castroverde, que aínda non ten información dos orzamentos municipais para o 2024, agarda que estas dúas mocións se teñan en conta á hora de preparar os vindeiros orzamentos.

 

As Xornadas Lucenses de Accesibilidade ao Patrimonio celebraron hoxe a sua séptima edición

A praza de San Marcos acolleu esta mañá as VII Xornadas Lucenses de Accesibilidade ao Patrimonio, que organiza Auxilia Lugo. A actividade arrancou cunha visita guiada polos atractivos turísticos accesibles como a Muralla, a catedral ou a Domus.

O paseo foi conducido polo lucense Guido Guía, guía oficial de turismo de Galicia, que abordou durante o percorrido os avances que se levaron a cabo ata a actualidade, pero tamén as melloras pendentes e posibles solucións para acadalos.

Os colexios de San Cosme de Barreiros e Trabada acollerán os obradoiros ‘Música e Evolución’

Os colexios de Rábade e Friol acollerán este xoves cadanseu concerto didáctico sobre instrumentos a cargo dos músicos e investigadores Pablo Carpintero e Rosa Sánchez.

A Deputación de Lugo impulsa estas actividades, que se están a desenvolver baixo o título ‘Música e evolución’, e que amosan e poñen en valor o patrimonio musical, ao tempo que explican a música como unha manifestación cultural esencial para as persoas.

Durante estas sesións didácticas, amósanse 42 instrumentos, moitos deles novos para a rapazada, cun fío argumental que incide no papel esencial que as mulleres xogaron na música, na cultura e na organización social ao longo da historia ou na orixe dos instrumentos musicais na cultura infantil.

Os obradoiros son parte dun ciclo que chega a un total de 20 centros educativos. Entre eles, os colexios de Samos, Paradela, Portomarín, Guntín, Begonte, Cospeito, Foz, O Valadouro, Pol, Riotorto, O Páramo, Láncara, Trabada e Barreiros, nos que xa se desenvolveu a actividade nas últimas semanas.

En vindeiras datas, realizaranse nos colexios de Muras e Xermade (1 de decembro) e no CEIP Caselles Rollán de Xove e  CEIP Lois Tobio de Viveiro (5 de decembro).

A Confederación de Empresarios de Lugo organiza a xornada informativa ‘Mercado laboral: o reto do emprego’

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza, co apoio da Xunta de Galicia e no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, a xornada informativa ‘Mercado laboral: o reto do emprego’ na que se abordará, da man de expertos e representantes empresariais, e desde diferentes puntos de vista, o impacto da última reforma laboral na contratación, así como o problema de dificultades para a cobertura de vacantes de traballo nas empresas, especialmente en determinados sectores.

A xornada celebrarase mañá de 10.30 a 12.30 horas na Sede Central de CEL, situada na Praza de Santo Domingo.

No programa contarán coa participación do xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Lugo, Nicolás González Raposo, que será o encargado de analizar o novo escenario de contratación; Noel Muiños, director da delegación de ADECCO en Lugo, que abordará o reto das vacantes desde unha visión xeral e Javier Romay, director comercial do Grupo Isonor, que analizará o impacto da formación como ferramenta de solución ao problema das vacantes.

A maiores, o encontro inclúe un panel sectorial conformado por representantes das asociacións empresariais provinciais de hostalaría, construción e transporte de mercadorías que, moderados pola responsable dos servizos xurídicos da CEL, Lourdes Pardo, exporán a súa problemática particular en relación á nova situación do emprego.

A CHMS expuxo hoxe o novo Plan de Xestión do Risco de Inundación

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), presidiu hoxe a xornada de presentación do “Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación do Miño-Sil, segundo ciclo” nas que máis dun centenar de asistentes procedentes das distintas AAPP, colectivos e particulares tomaron nota das peculiaridades incluídas no novo texto.

“As inundacións constitúen un risco natural que ao longo do tempo provocaron danos ás persoas e aos seus bens, polo que é importante loitar contra os efectos destas a través da implantación de sistemas de alerta, da coordinación entre as distintas AAPP, da corrección hidrolóxico-forestal e da correcta aplicación das medidas de ordenación do territorio” subliñou Quiroga.

Os Plans de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) teñen como obxectivo lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e da sociedade para diminuír os riscos de inundación e reducir as consecuencias negativas das inundacións, baseándose nos programas de medidas e os principios de solidariedade, coordinación, cooperación interadministrativa e respecto ao medio ambiente.

Neste novo Plan melloráronse algúns aspectos xa identificados no ciclo anterior, entre os que destacan: unha mellor definición dos indicadores de avaliación; maior énfase na introdución de medidas de retención natural da auga (infraestruturas verdes), como alternativa máis adecuada fronte a medidas de protección tradicionais; emprego dunha nova metodoloxía de análise custos/beneficios; visibilizar e valorizar os efectos do cambio climático; e incorporar a Estratexia Nacional de Protección Civil e os novos Plans Especiais Autonómicos de Emerxencia ante o Risco de Inundacións.

En canto aos obxectivos principais dos PXRI destaca a concienciación social dos riscos das inundacións e das estratexias para seguir; ademais da total coordinación administrativa e da mellora de coñecemento entre os actores involucrados na xestión do risco de inundación (Administracións Locais, Protección Civil etc.)/ etc.) como clave para a prevención e a preparación ante calquera incidencia.

“Por último, é fundamental que as administracións e tamén os cidadáns coñezan a existencia das ferramentas de consulta dispoñibles, estas poden resultar moi útiles para evitar situacións sobrevindas, susceptibles de producir danos ás persoas e ou aos seus bens. Trátase de diminuír, minorar e prever o impacto que poidan ter as inundacións, ao non estar na nosa man impedilas” concluíu o presidente

O Concello de Vilalba presenta a súa programación con motivo do 25N

O Concello de Vilalba presenta a súa programación con motivo do 25N, o Día Internacional contra a Violencia Machista. “Haberá actividades para todas as idades, pero queremos implicar especialmente á comunidade educativa, traballando cos nenos, nenas e a mocidade en temas como a igualdade, a educación sexual e os modelos de masculinidade e feminidade”, sostén a alcaldesa, Marta Rouco.

O venres 24 , ás 12.00 horas, lerase un manifesto diante do concello e os nenos e nenas dos colexios de Vilalba formarán un lazo xigante e un cartaz xigante en contra das violencias machistas. Pola tarde, ás 19.30 horas, a praza de Santa María acollerá ‘As voces da conciencia’, unha obra coral entre mulleres contra a violencia machista; un espectáculo de Margarida Mariño e Laura Iturralde. no caso de choiva trasladarase ao auditorio municipal.

Ademais, editouse un pequeno libro, ‘En Vilalba falamos de sexo’, co que a técnica de Igualdade municipal vai traballar ao longo desta semana e a semana que vén nos colexios e os institutos sobre educación sexual e os modelos de masculinidade e feminidade. Este libro está destinado para o alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO e ciclo medio de FP.

O PP provincial non está dacordo cos orzamentos da Deputación e denuncian que non cumpren coas necesidades da provincia

O PP afirma que “non se pode entender” que o orzamento máis alto da historia da Deputación repercuta menos na mellora do día a día dos lucenses.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que mentres o presuposto total da Deputación de Lugo aumenta en case 6 millóns de euros a realidade amosa que se reducen nun 10% as aportacións ás entidades locais.

O voceiro tamén fai fincapé en que a suma das transferencias correntes e das transferencias de capital baixan nun 4%, pasando dos 30.4 millóns de euros de 2023 aos 29.1 de 2024, o que se traduce en que hai 1.290.365,61 euros menos para colaborar cos concellos.

Dende o Grupo Provincial Popular denuncian que José Tomé “mentiu durante a súa comparecencia no Parlamento”, o pasado 3 de novembro, cando asegurou que ía aumentar a aportación da Deputación ao Plan Único nun millón de euros, “pero na realidade conxélase, manténdose previsiblemente nos 21.5 millóns de euros e desoíndo a proposta dos deputados populares de aumentalo en 6.5 millóns de euros”.

Os deputados populares afirman que os orzamentos que presentou José Tomé non son sociais nin cumpren coas necesidades da provincia xa que PSOE e BNG conxelan o investimento en política social, “o que se traduce en que non van abrir ningunha nova residencia, nin as rematadas, como é o caso da de Becerreá”.

Antonio Ameijide pon de manifesto que o mantemento da rede viaria provincial “non é nin unha prioridade nin unha preocupación” para Tomé, xa que denuncia que reduce en 400.000 euros os fondos destinados para a mellora das estradas provinciais, a pesar de “estár en moi mal estado”.

En canto ás axudas, liñas e programas vinculados coa actividade agrogandeira, forestal e do mar (axudas para o tecido asociativo e as corporacións locais), o PP argumenta que a redución “é moi drástica”, do 21%, baixando o investimento en 401.461,33 euros.

“A promoción turística da provincia é outro eido no que tanto PSOE como BNG suspenden nas contas para 2024 ao conxelar os fondos destinados para a difusión da imaxe da provincia, mentres seguen destinando importantes partidas para a promoción e difusión das “carreiras políticas” daqueles cargos socialistas e nacionalistas que lles interesan”, comenta o PP provincial.

A Deputación fai público o seu plan de orzamentos para o 2024, que superarán os 116 millóns de euros

Esta mañá a Deputación de Lugo fixo públicos os orzamentos provinciais para o ano 2024, que ascenden a 116.498.926,82€, o que representa unha subida dun 5,32% con respecto ao deste ano, grazas aos investimentos conseguidos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha cos fondos que logrou da Unión Europea.

O vindeiro martes 28 de novembro terá lugar o debate onde serán sometidos a votación, e dende a Deputación contan con que poidan entrar en vigor a primeiros de ano.

José Tomé subliñou que son uns presupostos “realistas e útiles”. Segundo Tomé, son uns presupostos que “van dar un novo impulso ao proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia”, centrado en “achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, e en promover a actividade económica”. “Son uns presupostos bos para a provincia, cos que demostramos que é posible outro Goberno para Galicia”, recalcou o presidente da Deputación.

Dende a Deputación afirman que este orzamento é tamén “profundamente social”, xa que lle dedican a esta área un terzo do total do presuposto, ata alcanzar os 38 millóns de euros, “o que supón un 3% máis ca neste ano”.

En canto ao funcionamento e á ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, a Deputación destinará arredor dos 11 millóns de euros. Así mesmo, destinará uns 3,4 millóns de euros para manter o Servizo de Axuda no Fogar dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e fondos para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas. 1,3 millóns de euros destinaranse ao tecido social vinculado co terceiro sector para manter a rede de apoio que ofrecen ás persoas que máis o necesitan.

No ámbito social, tamén se mencionou o acordo conseguido co Goberno do Estado para crear un Centro de Acollida de Protección Internacional no antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, o primeiro destas características en Galicia.

Ademais, anunciouse a posta en marcha do programa E Para Vivir… a Provincia de Lugo, un novo plan con novas medidas específicas fronte ao reto demográfico que estará financiado con fondos europeos. “Trátase de ofrecer un apoio integral ás persoas que se trasladen a vivir ao rural; atraer novos habitantes con axudas ao alugueiro de vivenda; e favorecer o aproveitamento de terras e a diversificación de cultivos”, explicou Tomé.

As políticas de emprego contarán no 2024 con 4 millóns co obxectivo de favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación, e ás vinculadas coa igualdade suben un 10%.

Os fondos para a o ensino público sumarán preto de 3 millóns de euros, un investimento que serve para manter o funcionamento do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Aproveitou Tomé para facer unha advertencia ao reitor da USC:  “o nivel de colaboración que temos dependerá de que se manteñan as titulacións do Campus Terra. De feito, o convenio de colaboración por 370.500 euros non vai nos orzamentos como nominativa, pois dependerá de se a universidade mantén as titulacións”.

O plan de cooperación cos 67 municipios da provincia aumenta no 2024 ata os 21,75 millóns de euros, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais seguindo criterios públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á autonomía municipal”.

A mellora da mobilidade centra outro dos grandes obxectivos dos Orzamentos para o ano 2024, segundo afirma a Deputación. As partidas para estradas provinciais e municipais increméntanse un 11%, acadando os 20 millóns de euros no 2024.

O apoio da Deputación aos sectores produtivos “gaña peso” no Orzamento 2024 con partidas que suman 11,3 millóns de euros, un 7,6% máis ca este ano, para actividades “estratéxicas”, como a agrogandeira, forestal, mar, economía verde, comercio, hostalería e turismo. No caso do sector primario, a Granxa Gayoso Castro, referencia en políticas públicas de apoio á gandería, conta cun orzamento de case 2 millóns de euros. As accións vinculadas co turismo contarán con 3 millóns de euros.

Tamén se destinarán 3,8 millóns de euros á área de medio ambiente, para a posta en valor do patrimonio natural da provincia e o desenvolvemento da economía verde.

O orzamento contempla 4,1 millóns de euros para a área de Deportes, encarados a fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e entidades deportivas.

A área de Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística contará cun presuposto de 1,1 millóns de euros para a actividade organizada pola propia área. Dentro da estrutura da área de Cultura, a Rede Museística conta cun orzamento total de 3,65 millóns de euros.

O Centro de Artesanía e Deseño conta de cara ao 2024 cun orzamento de 1.445.000 €, destinado ao funcionamento do propio centro. Máis de 330.000 euros destinaranse a dar continuidade a actividades e proxectos de apoio e promoción da artesanía.

Os orzamentos de 2024 avanzan tamén na consolidación dunha partida específica para Memoria Histórica dentro das contas provinciais.

En cánto á área de Rural, Mar e Mocidade, contará cun orzamento total de 1,8 millóns de euros para seguir traballando nas liñas estratéxicas que se foron consolidando no mandato pasado, como o programa O que non arde ou Da Escola á Granxa. O orzamento tamén prevé o reforzo da colaboración con entidades que traballan na promoción das razas autóctonas e do asesoramento rural. Ademais, a área de Rural prevé afondar no apoio á comercialización das producións agrogandeiras.

No que ten que ver con Mocidade, manterase unha colaboración activa con asociacións e colectivos culturais con proxectos como o festival Osa do Mar ou a Asociación Camiña, centrada inclusión social e laboral de persoas con capacidades diferentes.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com